Lugo | Este mércores, ás 12:00 do mediodía, sairán á venda as entradas para o Caudal Fest 2021, que regresa en setembro ao entorno do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, con todas as medidas de seguridade e prevención, seguindo a normativa vixente con motivo da Covid-19.
Deste xeito, contará cun formato terraza, é dicir, os asistentes gozarán do espectáculo sentados e con mesas, e o aforo estará limitado a 2.500 persoas por día.
A alcaldesa, Lara Méndez, explicou que “esta nova edición do festival terá lugar o 16, 17 e 18 de setembro e contará cunha ampla programación de calidade, con tres días completos de concertos de artistas nacionais e internacionais, o que converterá a Lugo no epicentro da música e a cultura en Galicia e España”.
“[O Caudal Fest 2021] converterá a Lugo no epicentro da música e a cultura en Galicia e España”
“A través do apoio a esta cita, dende o executivo municipal buscamos revitalizar os sectores cultural e hostaleiro da cidade, algúns dos máis afectados pola pandemia, facéndoo de xeito seguro, pois establecerase un conxunto de medidas para evitar aglomeracións, garantindo o distanciamento social, e a desinfección continua das zonas tanto de público como de traballadores”, engadiu a rexedora.
Deste xeito, o recinto estará dividido en varios sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc. e sendo independentes entre si.
A circulación estará organizada e sinalizada con carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, e instalaranse puntos de desinfección de mans con dispensadores de xel hidroalcohólico.
O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, salvo para o consumo de comida ou bebida, haberá asistentes para a organización do público e a acomodación realizarase de forma graduada para facilitar accesos e desaloxos. Debido ás restricións derivadas da Covid, nesta edición non haberá zona de descanso ou acampada.
O Concello de Lugo segue, así mesmo, a dinámica doutros concellos galegos e da administración autonómica de retomar a organización de concertos e actuacións musicais seguras, co obxectivo de impulsar o sector cultural e do ocio.