San Cristovo de Cea | O Concello de Cea celebrou a XXIX edición da festa de exaltación do pan, tradicional celebración en homenaxe aos produtos gastronómicos referenciais de Galicia. Este produto, con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) volveu ser o protagonista da festa e da VIII edición da Ruta dos Fornos.
José Luis Valladares, alcalde do Concello e Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, quedaron satisfeitos da celebración que contou coa colaboración da Deputación e agradeceron a participación do pregoeiro que loubou o pan de Cea do que se puxeron á venta máis de 2000 pezas.
Foi pregoeiro José Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nado en San Cristovo de Cea, que foi presentado por Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste Concello é que tamén é unha cardióloga e investigadora destacada.
A programación comezou o día 2 de xullo, coa celebración de diversos talleres que versaron sobre o complexo proceso de elaboración do pan e de aqueles produtos gastronómicos que teñen como base este alimento. Ese sábado, de seis a oito da tarde, foi a Ruta dos Fornos.
Os asistentes percorreron seis fornos antigos que non están en uso e no na exterior degustaron bebidas e petiscos sobre todo empanada elaborada co mismo pan de Cea. A animación musical da ruta correu a cargo das agrupacións Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos. O concerto final da ruta correrá a cargo do grupo de “Javier Movilla y los Irresistibles”, ás 22.45 horas, e Gin Toni’s, ás 0.30 horas; ambos os dous na Praza Maior.
Xa durante o domingo no Campo da Saleta na compaña de diversas charangas, gaitas e actuacións musicais celebrouse a comida popular a base de produtos con denominación de orixe galega. Nese mesmo lugar, a través de diversos postos de artesáns e comerciantes o público asistente tivo ocasión de adquirir varios produtos, incluído o Pan de Cea.
Posteriormente houbo unha degustación gratuíta de chourizos ao viño con Pan de Cea. O final de festa comezou a partires das 20,00 horas, con orquestra.
Durante toda a xornada do domingo, houbo un espazo expositivo no que participaron unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía deronse cita nesta mostra feiral, que se complementou cun stand con produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos.