A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta noite a Cea do Deporte, recuperada polo Concello tras sete anos de ausencia. A rexedora celebrou a volta “dunha cita tradicional do calendario deportivo, un punto de encontro para deportistas e entidades que son fundamentais para construír a identidade da Coruña”. Centos de persoas asistiron a este evento que tivo lugar no Palacio dos Deportes.
A Cea do Deporte premiou a Irene Martínez Santiago, atleta do Club Halterofilia Coruña que se proclamou campioa de España de halterofilia en 59 kg., acadando o seu décimo terceiro título en 14 anos. Na categoría que recoñece ao mellor adestrador, homenaxeouse ao coruñés Juan Copa, á fronte do Hockey Club Liceo que se proclamou campión da OK Liga 2021-22 a semana pasada.
Ademais, e na categoría que recoñece ao mellor xuíz ou árbitro, premiouse ao colexiado Carlos Cortés Rey, que nesta tempada superou o medio milleiro de encontros arbitrados na Liga ACB de baloncesto. Tamén foi homenaxeado un clásico do fútbol coruñés, o Sin Querer, que se atopa celebrando o seu centenario. Por último, Purificación Fernández e Jesús López Castaño foron homenaxeados por ser dous dos usuarios más lonxevos das Escolas Deportivas Municipais. Inés Rey tamén se lembrou durante a súa intervención de Nacho Lobón, un dos fundadores do CRAT, que faleceu o xoves.
“Este Goberno municipal seguirá traballando para reforzar e mellorar os estadios e pavillóns, a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, os circuítos de exercicio ao aire libre, así como os programas de actividades deportivas municipais, porque este Concello está comprometido coa saúde e calidade de vida das persoas, e o deporte é fundamental para o seu coidado”, apuntou a alcaldesa durante o seu discurso. A Cea do Deporte se realizou un día antes do Día do Deporte na Cidade.