O Porriño | A empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas SA) vén de doar 150 lotes de produtos de Nadal ao Concello do Porriño destinados ao servizo municipal de alimentos SOS Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, recepcionaron hoxe os alimentos que serán entregados ás familias máis necesitadas do municipio.
Os representantes municipais recibiron esta mañá a doazón de mans de Jorge Trigo, responsable de Ceamsa, a quen agradeceron este xesto solidario.
“Con accións como estas contribuímos a que estas familias que están a pasar momentos difíciles pasen un pouco mellor o Nadal”, afirmou o alcalde.
“É de agradecer que as empresas colaboren con nós para poder axudar a todas as persoas que o necesitan e Ceamsa é un claro exemplo de compromiso e implicación coa sociedade porriñesa. A sensibilidade que demostra coas súas doazóns ao banco de alimentos durante todo o ano adquire se cabe máis valor nestas datas”, concluíu.