Ponteareas | A Xunta de Galicia colabora na reforma co CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas coa reforma da súa biblioteca escolar. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou na inauguración das instalacións, onde destacou “a gran participación” deste centro “en moitas das iniciativas e programas que ofrece a Consellería de Educación”.
O colexio, coñecido popularmente como o CEIP Nº1, levou a cabo a ampliación da súa biblioteca escolar, sumando máis de 30 metros cadrados aos anteriores e facendo posible que este espazo “poida ser agora un entorno agradable, cálido e verdadeiramente educativo” no que se poden deseñar recunchos diversos ademais das zonas de lectura, consulta e traballo documental.
“Coa reforma poderanse seguir realizando moitas das iniciativas vencelladas ao Proxecto Anual do centro”, destacou a representante de Educación.
Con 400 alumnos escolarizados, este colexio de Ponteareas participa en programas de seccións bilingües, Edixgal, varios Contratos Programa, no Club de ciencias e robótica e no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia. A este último sumouse o centro educativo no curso 2011-12, participando tamén nos programas de Biblioteca creativa desde o curso 2020-21 e en Clubs de lectura desde o pasado curso.