Ourense | Xantar 2022 chega á súa terceira xornada na que, como é habitual desde 2009, celébrase o día dedicado ao mar e aos produtos de calidade que saen del. Nesta ocasión a celebración do Día do Mar coincidiu coa celebración do Día de San Martiño, patrón da cidade de Ourense e día grande dos magostos que poden tamén celebrarse en Expourense onde non faltan os produtos típicos desta festa: pan, embutido, viño e tamén castañas asadas. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi un dos que elixiron Xantar para comer nun día tan especial para Ourense.
Este venres foi tamén o día dedicado ao concello de Viveiro, situado na costa norte de Lugo e famoso internacionalmente pola calidade da súa pescada do petisco de Celeiro pescada con anzol, unha a unha, no Gran Sol. Este concello ofreceu unha degustación desta pescada acompañada polo Pan dos Apóstolos, un doce que acompaña a mesa da última cea do paso da súa Semana Santa de Interese Turístico Internacional e que soamente pode degustarse en semana santa en Viveiro e en Xantar.
Tamén se dedicou a xornada á provincia da Coruña que estivo representado polo seu vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, que presentou a nova marca promocional “A provincia de que sabe” e indicou que “agora que comeza a chamada tempada baixa, é momento de darnos a coñecer no resto do país e apostar polo turismo interno e local. Xantar é un dos escaparates de maior éxito para este tipo de promocións dirixidas aos visitantes que veñen de lugares máis próximos”.
Esta Deputación animou a concellos como Mazaricos, Vimianzo, Ponteceso, O Pino ou Muxía a organizar degustacións dos produtos das súas festas gastronómicas. Ademais, na súa caseta participan pequenos produtores da provincia entre os que pode atoparse á única empresa que produce e comercializa cachelos envasados.
A presenza portuguesa correu a cargo da Cámara Municipal de Ponte de Lima que estivo representada polo seu alcalde Vasco de Almeida Ferraz que participaba por primeira vez na feira desde que foi elixido presidente deste municipio que hoxe promocionou o seu Arroz de Sarrabulho e os seus vinhos verdes.
A cooperación iberoamericana veu da man de Jaime Cabal, presente de FENALCO, a Federación Nacional de Comerciantes de Colombia e Presidente do Consello Gremial deste país que agrupa a 30 gremios empresariais. A promoción das festas gastronómicas continuo hoxe coa presentación das dúas festas da Lamprea do Concello de Arbo. Hoxe tamén foi a xornada elixida pola Estación EVEGA para presentar o seu monográfico número 10 sobre as variedades autóctonas de Galicia e que está centrado no Brancellao.