Esgos | A Deputación de Ourense organizou no mosteiro de San Pedro de Rocas un acto conmemorativo para celebrar o centenario da declaración do cenobio como monumento arquitectónico-artístico, tal e como recollía en 1923 a Gaceta de Madrid, precursora do Boletín Oficial do Estado.
Unha efeméride, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que permite destacar a relevancia dun conxunto histórico que “trascende o ámbito da provincia de Ourense e demostra ser o maior enclave de atracción da Ribeira Sacra”, cun novo récord de visitantes: case 40.000 desde principios de ano.
Luis Menor estivo acompañado en San Pedro de Rocas pola directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua; o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; alcaldes da Ribeira Sacra ourensá e lucense; así como outros representantes do Bispado de Ourense, do mundo da cultura e da universidade e mailo expresidente da Deputación e senador, Manuel Baltar.
Menor Pérez afirmou na súa intervención que unha data como esta “non debe quedarse nunha mirada ao pasado”, subliñando o progresivo aumento de visitas que rexistra o mosteiro. A mes de agosto Rocas recibiu a 12.000 persoas, casi un 4 % máis que no mesmo período de 2022.
O presidente da Deputación considera que este e outros datos técnicos recollidos polos responsables do mosteiro axudarán a prestar un servizo aínda máis eficiente aos visitantes, como por exemplo a continua actualización da información a través de internet; a mellora da sinalización ou o uso de aplicacións móbiles “que poden axudarnos a facilitar a visita e satisfacer a necesidade de información das persoas que nos visitan”. O 79 % das procuras relacionadas con San Pedro de Rocas, engadiu, faise a través do móbil”. Citou ademais outros aspectos que valoran os turistas como a beleza da contorna, a montaxe do Centro de Interpretación, o trato do persoal e o coidado e limpeza do espazo.
Menor, que agradeceu a colaboración e implicación da Xunta co mosteiro, defendeu Menor a necesidade de seguir estudando a súa historia, “para coñecer aínda mellor a súa relevancia e así tamén ser quen de dar resposta á crecente demanda de turismo cultural”.
Rocas, unha das primeiras anotacións do actual Rexistro de Patrimonio da Xunta
Pola súa banda, María del Carmen Martínez Insua explicou o gran orgullo que supón comprobar o bo coidado e conservación de Rocas.
“Este é o comezo da nosa cristiandade, como elemento emblemático e singular. Todos os estudosos entenden a San Pedro de Rocas como un dos bens máis singulares de Galicia, e foi precisamente unha das primeiras anotacións do actual Rexistro de Patrimonio da Xunta”.
A directora xeral explicou os principios xurídicos que rexeron o nomeamento de Rocas como monumento hai un século, que seguen sendo os que rexen agora mesmo o patrimonio cultural de Galicia, como por exemplo que “sen previo permiso non poderá procederse, baixo ningún concepto, ao derribo ou a deturpar este monumento”.
No acto participou tamén alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, que quixo ter un recordo especial para Manuel Ángel, exrexedor do municipio, como a primeira persoa “que empezou a promocionar a Ribeira Sacra e San Pedro de Rocas hai 30 anos, e conseguiu unir aos alcaldes da contorna en torno ao potencial desta zona da provincia”, acadando daquela a primeira oficina de Turismo.