Santiago de Compostela | O Goberno local financiará con cargo á EDUSI a creación dun Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar, que estará localizado no edificio que ocupa actualmente o Centro de Interpretación Ambiental de Belvís. O proxecto está orzado nun millón de euros e o obxectivo é que o centro estea rematado ao longo de 2020. O novo servizo contará tanto cunha área residencial como cunha zona para a atención diúrna.
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos presentou hoxe a proposta, despois de que a Xunta de Goberno acordara solicitarlle ao Ministerio de Facenda a súa inclusión na EDUSI. Concha Fernández explicou que “Santiago é deficitario na súa atención a persoas sen fogar, porque non existe ningún centro aberto en horario nocturno máis alá do albergue de Xoán XXIII, no que as persoas só poden permanecer dez días cada mes”. Ademais, a edil incidiu en que “é preciso apostar pola xestión pública que lidere e coordine a intervención coas entidades sociais e co sistema de saúde”.
Residencia e centro de día
O Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar está concibido para atender a todas as necesidades das persoas sen fogar, tendo en conta tamén a diversidade de perfiles que requiren espazos e modalidades de participación e intervención psicosocial. Para iso, estará distribuído en dous módulos ou edificios diferenciados, un para Área de Acollida Residencial Temporal, e outro para Centro de Atención Diúrna.
A Área de Acollida Residencial Temporal ofrecerá aloxamento en réxime de media estadía e estará aberta as 24 horas, os 365 días do ano. Esta zona estaría pensada para aloxar a un máximo de 17 persoas, e podería ser utilizada durante períodos de ata ano e medio sempre que se cumpran determinados criterios relacionados coa inclusión social. A estadía básica sería de dous meses. Concha Fernández explicou que os usuarios e usuarias poderían ser “persoas sen fogar, pero tamén persoas que viven en condicións de chabolismo ou en vivendas que non poidan ser consideradas dignas”.
En canto á Área de Atención Diúrna, estará aberta de 8:30 a 22:00 horas de luns a domingo, incluídos festivos. Terá dúas zonas diferenciadas: un espazo de servizos pensado para que os usuarios e usuarias poidan satisfacer as súas necesidades básicas (aseo, lavandería, sala de descanso…), e un espazo destinado a favorecer a inclusión de persoas sen fogar, a través da celebración de diferentes aulas e talleres. Estímase que esta área poderá ser utilizada por unhas 90 persoas ao día, 30 de forma simultánea.
Concha Fernández explicou que estas características “converten á actual sede do CIAC na localización idónea para o futuro centro, que deste xeito estará dentro da cidade, pero nunha situación illada nunha zona verde”. Ademais, a configuración do edificio “facilita a organización dos diferentes espazos funcionais”. A concelleira de Políticas Sociais incidiu en que o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar “iría máis alá do CIAC, para ocupar espazos que actualmente están sen uso e precisan ser rehabilitados e, nunha segunda fase, mesmo un inmoble próximo que segue sendo de propiedade privada”.
A actuación que o Concello prevé financiar con cargo á EDUSI contempla tanto a rehabilitación e o acondicionamento do edificio de Belvís como a posta en marcha do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar. O orzamento previsto é dun millón de euros, dos que 800.000 euros procederían de fondos europeos.
Concha Fernández explicou que o prazo de execución previsto é de 36 meses, de xeito que o Centro non estaría operativo antes de remate de 2020.
Proceso consultivo
O deseño do Centro Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar é o resultado dun proceso participativo de carácter consultivo que se prolongou durante máis de oito meses. Ese proceso estivo coordinado pola psiquiatra Lucía del Río, que explicou que nas mesas de debate participaron profesionais dos ámbitos da saúde e dos servizos sociais, as entidades que participan na mesa de senfogarismo e as propias persoas sen fogar. Lucía del Río recoñeceu que “este proceso foi fundamental para perfilar os servizos e mesmo os horarios precisos no centro”. Tamén axudou a definir a localización, porque “as propias persoas sen fogar expresaron o seu rexeitamento a un edificio céntrico, porque unha saída á rúa faríaas sentir demasiado expostas”.