Tomiño | A difícil situación actual derivada da pandemia do COVID-19 impediu que este ano se puidesen celebrar o tradicional Venres de Foliada de Tomiño e o recoñecido Entroido de Goián, mais o espírito do entroido puido manterse este ano nos centros educativos do municipio adaptándose ás circunstancias e de xeito que se puidese cumplir cos protocolos sanitarios.
No IES Alonso Ríos aproveitaron a ocasión para facer unha homenaxe ás consideradas actividades e profesións esenciais, polo que cada grupo e aula disfrazouse dunha profesión diferente: enfermeiros/as, profesores/as, corpos de seguridade… Todos os grupos pasaron por un photocall para facerse fotos e realizar algunha pequena performance. Para cumprir co protocolo sanitario, no photocall colocouse unha cámara que se conectou con todas as aulas e permitir que deste xeito todos os alumnos e alumnas puidesen ver os disfraces dos demais.
No CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián mantiveron esta semana o tradicional “entruidón”, mandando traer cada día unha cousa diferente tanto ao alumnado como ao profesorado. Este ano a festividade está centrada na inclusión, na que cada aula marcou a diferencia cos seus disfraces nun pase privado no patio. Os máis pequenos fixeron a festa fareleira e destacou tamén o traballo de investigación realizado polo alumnado de 6º de Primaria, que se encargou de indagar nas orixes do entroido desde unha perspectiva mundial ata os comezos da festividade na vila de Goián. Este traballo está recollido nun vídeo dispoñible na páxina web do centro.
No CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán decidiron tamén manter un pequeno desfile no recreo mantendo os grupos estables de convivencia, e a mañá completouse cun obradoiro de máscaras de entroido, o visionado de filmes relacionados co entroido e unha chocolatada con churros. A temática escollida no CEIP de Barrantes foi o coidado do medio ambiente, a reciclaxe e a alimentación saudable, realizando diversas actividades relacionadas con esta temática. Este venres cada grupo saíu ao patio disfrazado cada un dun animal en perigo de extinción diferente e o Meco foi representado por unha árbore que será plantada nun futuro.
No CEIP de Sobrada optouse por cancelar o desfile, o cal non impediu unha celebración adaptada ás circunstancias na que os nenos e nenas puidesen ir disfrazados á escola con temática libre, mentres que no CEIP de Tebra si que optaron por saír ao patio debido ao bo tempo e á posibilidade de manter o distanciamento entre os grupos. Esta semana tiveron que obedecer os mandatos do Meco, que este ano será “indultado” da fogueira, que estiveron baseadas nas emocións, cada unha representada por unha cor. Optouse por animar aos nenos a iren disfrazados con prendas e complementos que tivesen pola casa co obxectivo de fomentar a súa creatividade.
En canto ao CRA Mestre Manuel Garcés, a pandemia impediu que o alumnado das 13 escolas unitarias puidese reunirse como era habitual, pero mantivéronse as actividades relacionadas co entroido en cada un dos centros. Para este venres os nenos e nenas foron disfrazados cun estilo libre e puideron desfrutar dunhas estacións de xogo moi vistosas coas que facer distintos xogos e actividades.