Chantada | Chantada pasa para os días 3, 4 e 5 de xuño a súa Feira do Viño cando antes da pandemia celebrabase no mes de marzo sendo a primeira do calendario de feiras na Ribeira Sacra. A edición número 39 do certame terá formato tradicional, cos postos das adegas repartidos pola Praza de Galicia baixo unha carpa.
O Concello e os adegueiros acordaron retomar a celebración, logo de dous anos de suspensión, e decidiron que en 2022 a feira fora “excepcional”. Manuel Diéguez Penela, concelleiro de Cultura e tenente de alcalde indicou que os detalles do programa da Feira do Viño coñeceranse en abril pero avanzou que haberá algúns matices respecto a outras edicións para adaptarse ás normas sanitarias que poidan estar vixentes nese momento.
A intención será respectar ao máximo posible o formato orixinal, descartando así un cambio de modelo. “Non queremos correr o risco de estragar unha feira que está funcionando moi ben dende hai anos”, subliñou Penela.
En marzo de 2020 foi o último gran evento organizado antes de que o Goberno central declarara o Estado de Alarma e decretase o confinamento domiciliario. O Concello tiña a intención de recuperala este ano, pero os datos da pandemia impedirono na segunda fin de semana de marzo.
Tamén se barallaron outras datas en maio como posibilidade. Finalmente, a administración municipal e os adegueiros fixaron as datas da primeira fin de semana de xuño.
Unha vez máis, o artista local Lomarti é o autor do cartel da Feira do Viño de Chantada. O frescor e o recendo do viño cando se cata, as cores da ribeira e os tipos de viño que fan as adegas de Chantada: mencías, godellos, rosados… están representados na obra do veciño Lomarti nun cartel diferente a outros que ten feito para unha das nosas festas máis importantes.