O Covelo | O Centro de Saúde de Covelo aposta pola formación e concienciación como método para atallar no proceso de cura de enfermidades e como ferramenta para a detección e prevención.
Comprometidas e comprometidos coa saúde da veciñanza de Covelo, este luns día 27 de marzo ofrecerán unha charla sobre a saúde da muller ao longo dos anos.
A matrona do centro de saúde de Ponteareas, Marta Valcárcel, e o enfermeiro do centro de saúde local, Daniel Domínguez, farán especial fincapé na participación nos cribados para a detección precoz de enfermidades e ensinarán ás persoas participantes a interpretar os signos e síntomas que se poidan manifestar.
A sesión está aberta a toda a cidadanía dos concellos veciños que desexen informarse e mellorar o seu día a día. Dende o centro de saúde de Covelo adiantan que seguirán ofrecendo formación e información ao longo de todo o ano procurando sempre a implicación da cidadanía no coñecemento do seu corpo e no fomento de bos hábitos de vida.