Santiago de Compostela | Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 3 de abril a Vilaboa unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna da localidade do Morrazo.
Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de Vilaboa, e vai ter lugar o xoves 3 de abril ás 17:00 na Casa da Cultura de Riomaior, en San Adrián de Cobres (Pazos, 1 A). É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.
Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse cubrindo este formulario de inscrición ou chamando ao 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia).
Identificación e prevención do dano cerebral adquirido
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas…). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.
Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.
Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.
Apoio institucional
Ademais do apoio do Concello de Vilaboa, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.