Charla sobre La Vuelta Ciclista ao seu paso por Lugo

José Tomé Roca, o exciclista Fernando Escartín e o director da proba deportiva, Javier Guillén, serán os protagonistas da xornada

Lugo | A Deputación de Lugo acollerá o próximo martes, 2 de xullo, unha charla sobre La Vuelta Ciclista ao seu paso por Lugo o próximo martes. De Lugo a Ancares: La Vuelta 24 será o título da xornada que se celebrará no salón de actos do Pazo de San Marcos ás 18:00 horas e que contará co presidente da Deputación, José Tomé Roca, o exciclista Fernando Escartín, e o director xeral da proba deportiva, Javier Guillén.

A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo e servirá como antesala deste importante evento ciclista que o 30 de agosto volverá á provincia na súa etapa número 13. No encontro, Escartín, Guillén e Tomé Roca, compartirán os secretos da organización dunha proba que mobiliza a miles de persoas, explicarán en detalle o trazado e o impacto que unha cita deportiva desta magnitude ten no territorio; tamén repasarán as anécdotas de anos anteriores.

Este ano, La Vuelta arrancará desde a capital da provincia cara as montañas por Baralla e Becerrerá, para encarar a ascensión ao Porto de Ancares pola vertente leonesa. Son un total de 171 quilómetros de percorrido por lugares emblemáticos do territorio lucense, como o Alto Campo de Arbre ou as Pontes de Gatín. Esta cita situada na elite do ciclismo, á altura do Giro de Italia ou o Tour de Francia, conta cunha achega da institución provincial de 40.000€ este ano e é seguida por máis de 400 millóns de persoas de 190 países diferentes.

De Lugo a Ancares: La Vuelta 24 contará tamén cunha quenda para que as persoas que asistan a esta charla-coloquio poidan facer as súas preguntas ou compartir curiosidades. A xornalista Sara Meijide será ademais a encargada de guiar a conversa entre o mandatario provincial, o exdeportista e o responsable deste evento.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.