Ponteareas | A concellería de Formación e Emprego, dirixida pola socialista Vanesa Fernández Soage, informa que a Axente de Emprego e Desenvolvemento local impartiu este mércores un obradoiro ao alumnado do IES Pedra de Auga de Ponteareas, co fin de promover iniciativas empresariais no municipio e dirixidas tanto ás persoas emprendedoras como a aquelas que contemplen o autoemprego como unha opción de inserción laboral e xeral.
Neste marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas deséñase esta xornada para apoiar e incidir naquelas persoas e profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer o inicio de actividade.
Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Ponteareas está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, dende a Concellería de Emprego e Formación estanse impulsado medidas para fomentar o emprendemento e apoiar á persoa emprendedora como axente dinamizadora da economía local.
Pero non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento, senón que tamén, tal e como sinala a concelleira de emprego e formación, Vanesa Fernández, “é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas. A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible, senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser una prioridade fundamental.”
Vanesa Fernández Soage agradece o interese do centro educativo e sinala a importancia de trasladar información sobre os servizos que se prestan e xestionan desde a concellería de Formación e Emprego, tan importante para a cidadanía, e neste caso concreto, aos mozos e mozas que cursan a materia de Formación e Orientación Laboral e de Empresa e Iniciativa Emprendedora.