Tui | Dende este 11 de agosto é posible obter a Chave365 e o certificado COVID na planta Baixa da Área Panorámica. Aí vén de abrir unha oficina, atendida por unha persoa funcionaria do Servizo de Atención Primaria da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O Concello de Tui colabora así coa xerencia do SERGAS da Área Sanitaria de Vigo pondo a dispor este punto na Área Panorámica para a prestación deste servizo á cidadanía. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, respondeu favorablemente á solicitude feita dende a xerencia do SERGAS para poder contar cun local na cidade con esta finalidade.
Deste xeito dende hoxe a poboación de Tui e tamén a de Tomiño poden achegarse ate este punto, na planta baixa da Área Panorámica con entrada pola parte posterior do edificio, para solicitor a alta na Chave 365, o que permite o acceso ao certificado covid, e á aplicación E-Saúde con seguridade.
As persoas interesadas poden amais obter unha copia impresa, no caso de precisalo, do seu certificado COVID.
Dende esta mesma mañá as persoas que precisen a Chave365 ou o certificado COVID xa non teñen que acudir ao centro de saúde de Tui ou Tomiño, senón que deben dirixirse a esta oficina onde o obterán directamente. Deste xeito lógrase desconxestionar o servizo no centro de saúde.
O horario de apertura da oficina é luns a venres de 8.30 h a 12 h e de 12.30 a 14.30 h.
O servizo prestarase inicialmente até o 31 de Agosto pero poderá ser prorrogado de ser necesario.