Tui | Dende hoxe e até o 7 de agosto pode visitarse no anexo á Sala de Exposicións na Área Panorámica a mostra “Río Miño: memorias transfronteirizas”. A exposición está producida pola AECT Rio Minho e a CIM Alto Minho ao abeiro do programa SmartMinho financiado polo fondo europeo Interreg. Estará en Tui ata o vindeiro sete de agosto.
Na exposición “Río Miño – memorias transfronteirizas” os visitantes poden contemplar primeiro as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos. Despois, mergullarse no seu interior para coñecer unha trampa de pesca da lamprea e as súas especies acuáticas máis icónicas.
En itinerancia por dez municipios transfronteirizos durante o ano de 2020, esta exposición reflicte o Miño, os seus valores ecolóxicos e patrimoniais, e as xentes que habitan na súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos.
Os 75,5 km finais do río Miño están plenos de memorias e lugares marabillosos. Antes de chegar ao mar, o río asume aquí a tarefa de dividir dous países mais une unha cultura. Unha cultura plena de Tesouros Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais, que esta exposición recolle.
Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, esta mostra acada en Tui unha singular relevancia, por canto a nosa cidade, xunto con Valença, conforman un espazo transfronteirizo único, pois o río Miño achega aínda mais a dúas cidades unidas polo territorio, pola cultura, pola vida común dos seus cidadáns. Non existen outras dúas cidades na fronteira hispano portuguesa cunha continuidade física como a que posúen Tui e Valença. O proxecto da Eurocidade trata de afondar nesta relación e interdependencia enriquecedora, e símbolo das relacións entre Galicia e Portugal.