Santiago de Compostela | As editoriais Positivas e Guiverny, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a cooperativa sociocultural MAOS. Innovación Social van ser as catro entidades encargadas de guiar os oito roteiros que nesta sexta edición da Selic. Festival da Lectura van achegar o público unha nova ollada sobre Compostela.
O papel da capital galega na literatura, a historia do cinematógrafo e das salas de proxección da cidade ou o coñecido como “Pío Latrocinio” cometido polo arcebispo Diego Xelmírez nas igrexasBraga, serán algúns dos temas centrais destes paseos literarios.
Entre o 10 e o 18 de xuño, aquelas persoas que queiran participar dos roteiros da Selic poderán facelo sen inscrición previa, achegándose ao punto de partida de cada un dos paseos literarios con antelación. En todos os casos, a hora de inicio da actividade será ás 16.30 horas e o punto final de cada un dos paseos será o centro neurálxico do festival, a praza do Toural.
A xornada inaugural, o venres 10 de xuño, estará a cargo de Mario Regueira (AELG), que desde a praza de Galicia guiará o paseo Construíndo a capital das letras. Compostela na narrativa galega, unha viaxe pola presenza da cidade na nosa literatura contemporánea da man do filólogo e doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.
Tamén desde a AELG chega o segundo dos roteiros, o sábado día 11 de xuño, que desta volta partirá desde o barrio do Sar, na ponte románica que cruza o río, para descubrir a Compostela fóra de mapa, un roteiro inspirado na literatura dos arrabaldes a na súa natureza fronteiriza e guiado por Ana Cabaleiro. O itinerario vai bordear o río desde a entrada sur da cidade, pasando pola actual entrada (na Estación Intermodal) e rematar na praza do Toural.
Logo dun breve descanso dominical, chega o roteiro de Edicións Positivas guiado polo filósofo e profesor Miguel Vázquez Freire, o luns 13 de xuño desde a Igrexa de San Frutuoso. Este paseo, que leva por título Pío Latrocinio, está inspirado no roubo perpetrado por Diego Xelmírez en diversas igrexas da cidade de Braga e é o tema que centra a obra de Vázquez Freire, editada por Positivas, De Compostela a Braga e de Braga a Compostela. Un acontecemento, o do Pío Latrocinio, que aínda agora se vén de superar, logo de séculos de conflito pola apropiación das reliquias que se resolven agora grazas o irmanamento das cidades de Compostela e Braga.
O martes 14 de xuño, o Arco de Mazarelos será o lugar de encontro e partida do roteiro Santiago de canto em lenda, guiado pola autora Susana G. Arins (AELG). Un paseo que busca poñer en valor a cidade invisible, a das voces anónimas, “a que permanece asombrada pola monumentalidade do sacro”, segundo afirma a autora, que leverá as persoas asistentes por lugares do cotiá mentres fai lectura de textos da tradición oral e popular como as lendas, os rezos ou a mitoloxía.
Cinema(topógrafo)s de Compostela é o primeiro dos paseos que ofrece a cooperativa MAOS. Innovación Social e que parte do número 24 da Algalia de Abaixo. Un paseo radioguiado para descubrirlle ao público do festival a historia dos cinematógrafos e da primeira proxección que tivo lugar na cidade, até chegar ás salas de reprodución dixitais da actualidade. Ao remate desta viaxe, que terá lugar o mércores 15 de xuño, xa na praza do Toural, presentarase Mapa de cinema(topógrafo)s de Compostela.
O xoves 16 de xuño, tamén a cargo de MAOS, desenvolverase desde a praza da Inmaculada o percorrido Compostela Filmada, no que se lle descubrirán ás persoas asistentes diversas localizacións da cidade que protagonizaron ou formaron parte de rodaxes cinematográficas. A comida e as cociñas de Santiago serán as protagonistas do roteiro Arquitectura do lume en Compostela, o venres 17 de xuño desde a praza das Praterías, organizado pola Editorial Guiverny e inspirado na obra do mesmo nome de Yago Bonet. Unha obra na que o autor contou coa colaboración do fotografo Sergio Portela.
O derradeiro dos paseos desta edición 2022 da Selic, o sábado 18 de xuño, tamén organizado pola AELG, partirá da rúa do Home Santo, número 55, para descubrir a piratería no Roteiro do pirata (des)confinado. O público asistente estará guiado desta volta polo músico Jamas (Dios Ke Te Crew) e autor da obra Diario dun pirata confinado.