Ponteareas | O festival Rock in Río Tea comeza a quecer motores cunha novidosa proposta, o Rock na Rúa. Unha fusión de música e gastronomía coa que teredes cita dende a unha da tarde e cada sábado do mes de xuño con actuacións acompañadas dun suculento menú que rotará por distintos bares da vila.
Organizado pola Asociación Falcón en colaboración co concello de Ponteareas e a Concellería de Comercio, o Rock Na Rúa amenizará o xantar dos apaixoados da música e daqueles que queiran degustar os mellores pratos da gastronomía tradicional.
O Rock na Rúa arranca ao ritmo dos The Loopholes na xornada Rock&Callos o vindeiro sábado día 3 de maio no Bodegón Severo.
Para os que non se atreveron na sesión da estrea ou para os que estaban desexando repetir, chega o Rock and Pizza o sábado día 10 coa actuación dos Family Folks na Casa da Triga.
Se o que preferides é unha boa ración de Rock and Fabada debedes agardar aos Breakin´Bones na Casa Ferreira o sábado día 17 de xuño.
E se aínda quedastes con fame de rock e bo xantar, o sábado 27 de xuño teredes aos The Trunks no Blu Bar na xornada Rock and Salpicón.
O Rock na Rúa abre a programación do Rock In Río Tea que terá lugar do 30 de xuño ao 1 de xullo.