Celanova | Os alumnos do Colexio La Salle de Santiago de Compostela asistiron a un dos concertos do ciclo de concertos didácticos de órgano organizados na igrexa de San Salvador de Celanova co apoio da Xunta de Galicia.
Trátase dunha iniciativa do Concello de Celanova que conta co impulso do Goberno autonómico para divulgar a cultura musical entre os máis novos, polo que se oferta a todos os centros educativos galegos.
“Axudamos así a difundir o patrimonio histórico a través de programacións culturais de calidade en diferentes puntos do territorio”, indicou Anxo M. Lorenzo secretario xeral de Cultura.
O ciclo, que comezou no mes de marzo, estenderase ata xuño con arredor de 30 concertos coa participación de arredor de 1.300 alumnos de toda Galicia. Ademais do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, durante estes meses participarán estudantes dos colexios CPI Sagrado Corazón de Vilanova, CPI A Cañiza, CEIP Padre Feijóo (Allariz) ou Colexio Sagrado Corazón (O Carballiño).
Tamén se contará coa asistencia de alumnos dos institutos IES de Teis e IES O Castro, ambos en Vigo, o IES Monte Carrasco (Cangas), IES Andalecio Pérez Tizón (Tui), IES Xermán Ancochea (Pobra de Trives), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES 1 de Marzo (Baiona), IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), IES Martagisela (O Barco de Valdeorras), IES Val Miñor (Nigrán), IES de Ames, IES Aquis Querquennis (Bande).
Sesións prácticas
A actividade está dirixida ao alumnado dos últimos cursos de Primaria, de Secundaria ou de Bacharelato e inclúe unha clase-concerto, dirixida pola organista Marisol Mendive.
Complétase cunha visita guiada á igrexa de San Salvador de Celanova.
Cada sesión inclúe unha explicación do instrumento axeitada aos contidos pedagóxicos da etapa escolar á que se dirixe, pero a clase é eminentemente práctica e permítelles aos alumnos interpretalas conxuntamente co órgano dentro do concerto didáctico.