O Covelo | Seguir aprendendo e promover o coñecemento é o obxecto do convenio que o Concello de Covelo e a Universidade de Vigo asinaron no pasado ano froito da colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e as Universidades de Santiago, Coruña e Vigo. Esta colaboración permite que a veciñanza de Covelo se beneficie por segundo ano consecutivo de novos seminarios universitarios para maiores de 50 anos.
Impartidos en horario de tarde, os seminarios desta nova edición centraranse en impartir coñecementos de “saúde e benestar”, “arte e historia”, “pilates sénior”, “soidade non desexada” e “tecnoloxía para o uso de ferramentas no teléfono móbil”.
O alcalde, Pablo Castillo, califica de “moi importante” poder ofrecer ás persoas que viven no rural o maior número de servizos posibles non só básicos se non tamén aqueles que promoven a formación continua, espallan coñecementos e nos facilitan estar actualizados e familiarizados con novas ferramentas, “algo decisivo para non quedar descolgados nin desconectados das novas tendencias ou avances que facilitan o día a día das persoas”. Ademais, estes seminarios posibilitan o encontro de persoas con inquedanzas similares nun espazo común.
Os seminarios, que se desenvolverán en abril e maio, son impartidos por profesores/as da Universidade de Vigo e teñen sesións divulgativas e prácticas con 2 saídas/visitas programadas no seminarios de Saúde e Benestar e no de Arte e Historia de Covelo.
“Ante o éxito e satisfacción das persoas que participaron nos celebrados o ano anterior, este ano pasaremos de tres a cinco seminarios, ofrecendo dous máis ante a boa acollida da primeira edición”, engade Lourdes Enes, concelleira responsable de Formación.
As persoas que desexen obter máis información deberán contactar co Concello no número de teléfono 986 65 00 27 (ext 4) ou na oficina de formación de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas.