O Covelo | O Concello de Covelo convida a comezar o verán gozando de sesións de cine na rúa. Totalmente de balde e dentro da programación cultural estable que ofrece o Concello, este domingo día 25 de xuño ás 22 horas teremos sesión de cine na praza de Maceira.
Encanto é un filme de animación para toda a familia dirixida por Jared Bush, Byron Howard e Charise Castro Smith. De 99 minutos de duración, conta a historia dunha familia extraordinaria, os Madrigal, que viven escondidos nas montañas de Colombia, nunha casa máxica situada nun enclave marabilloso chamado Encanto. A maxia de Encanto dotou a todos os nenos e nenas da familia un don único, desde a súper forza ata o poder de curar… Pero esqueceuse dun membro da familia: Mirabel. Cando esta descobre que a maxia que rodea Encanto está en perigo, decide que ela, a única Madrigal normal, podería ser a última esperanza da súa extraordinaria familia.
Roteiro guiado da Pedra do Lobo
No marco da programación estable de rutas de sendeirismo guiadas do Concello de Covelo, este sábado día 24 de xuño terá lugar o roteiro da Pedra do Lobo. Esta actividade, que se enmarca no proxecto RíosAldeasMontañas, promove o coñecemento do patrimonio natural entre visitantes, veciñanza e alumnado do CEIP Antonio Blanco.
De 9 km de pecorrido e dificultade doada, o roteiro da Pedra do Lobo ten un trazado circular cunha duración aproximada de tres horas. Esta actividade, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, é de balde e require inscrición previa no número de teléfono 654 500 652. A hora e punto de saída son ás 9 horas en Castro, Covelo.
O guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, explica que o sendeiro pertence a CMVMC de Santiago de Covelo e principia nas abas de Castro para discorrer paralelo ó río Ponte Piñeiros. No seu percorrido podemos coñecer diversos ecosistemas, como o bosque de ribeira, as brañas e turbeiras activas de montaña, as matogueiras, os prados e os pequenos bosques. Ademáis deste variado patrimonio natural, compre admirar muíños, cruceiros, petroglifos e mámoas, así como outras manifestacións da relación do ser humano e a natureza.