Cadernos da viaxe.
Todos os Estados democráticos castigan os actos de violencia que tentan alterar pola forza o seu sistema constitucional (rebelión, chamada noutros sistemas legais traizón e á que os ingleses nomean como high treason) e máis os actos de violencia para impedir a aplicación das normas, sentenzas e actos administrativos (o que se chama sedición no Código Penal español ).
En termos xerais, o primeiro delito adoita ser sancionado de xeito bastante máis grave ca o segundo. No conxunto da Europa democrática as penas son bastante semellantes ás lexisladas no Estado español.
O gravísimo prroblema é que a definición legal no Código Penal español da sedición non require da violencia, senón que inclúe calquera alzamento público á marxe das vías legais para impedir a aplicación das leis ou das resolucións administrativas e xudiciais. De feito, o concepto delictivo é tan disfuncional que en 40 anos de democracia só houbo unha condena antes da decidida polo Tribunal Supremo (TS) no xuizo do procès a respecto dos líderes soberanistas cataláns. Ao abeiro dunha definición tan escura, o TS puido condenalos a penas absolutamente desaqueladas de até once ou trece anos de cárcere.
“O Estado español mantén un delicto contra a orde pública, a sedición, que non require do elemento da violencia, o que prohibe directamente calquera exercicio da protesta masiva e globalizada non violenta”
Eis o problema legal e político. O Estado español mantén un delicto contra a orde pública, a sedición, que non require do elemento da violencia, o que prohibe directamente calquera exercicio da protesta masiva e globalizada non violenta. Para pormos un exemplo, as protestas e resistencias non violentas de Gandhi serían condenábeis por sedición, se fose xulgado polo TS.
E velaí o cerne da cuestión que separa radicalmente o sistema xurídico-penal español do propio dos outros Estados da Europa democrática e que explica os sucesivos fracasos acadados polo TS nas súas reclamacións de extradición intraeuropea perante os tribunais escoceses, belgas ou alemáns e de extradición común perante os tribunais suizos que tiñan por obxecto os líderes cataláns exiliados nos devanditos países. Na Europa democrática convocar unha consulta cidadá ou un referéndum pode, como moito, ser unha actuación que non xere efectos xurídicos se a Autoridade convocante non é a competente, mais non constitúe delicto ningún.
Esta anomalía, xunto con outras como a tipificación delictiva das inxurias ao Xefe do Estado e máis ultraxes ás bandeiras afastan o Dereito Penal español da lexislación e xurisprudencia europeas e mesmo da dos USA e xustifican a derrogación das formas non violentas da sedición (prometida por Pedro Sánchez na súa investidura e adiada como tantas outras cousas) e das devanditas inxurias e ultraxes para achegar o sistema penal español ao das democracias liberais. Do que tan afastado está nesas concretas-mais moi importantes- cuestións.