Ourense | Clausurouse a 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que se desenvolveu desde o pasado día 6 en diferentes espazos da cidade. Como en anos anteriores, a Xunta apoia a organización desta mostra a través do convenio subscrito coa Fundación Carlos Velo para o mantemento do que é o certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade.
Asistiron Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Elena Rivo, connselleira de Promoción Económica así como Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta, e Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia.
Román Rodríguez sinala como idade dourada o momento creativo e de recoñecemento que está a vivir o audiovisual galego. Ademais da histórica Cuncha de Ouro coa que acaba de ser premiada en San Sebastián a película O corno, primeira produción galega e en galego que acada este galardón e que puido verse no OUFF o pasado xoves, o titular de Cultura do Goberno galego lembra outras destacadas seleccións galegas en certames do talle de Berlín ou Cannes, así como os premios Goya obtidos recentemente por profesionais galegos.
Ao respecto do Ourense Film Festival, destaca o seu papel como plataforma de encontro para o sector, así como o seu impacto social e económico na cidade que o acolle.
O conselleiro tamén fai fincapé na súa clara aposta polas producións e profesionais da nosa Comunidade, fortalecendo a posibilidade de facer cine desde Galicia con proxección internacional.
A Xunta acompaña económicamente os profesionais e empresas galegas a través dun amplo programa de axudas que se estende a todas as fases do proceso audiovisual, desde o xermolo dos proxectos ata a súa produción, rodaxe e difusión, ao tempo que fomenta a nosa Comunidade como escenario de rodaxes.