San Xoán de Río | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación, participou hoxe en San Xoán de Río na clausura do VIII Congreso de EsMontañas, que pecha tamén os actos organizados no marco da Capital de Montaña de España, que este ano recaeu conxuntamente nos municipios de Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río. Menor destacou que este importante recoñecemento supuxo unha honra para a provincia de Ourense no seu conxunto, “porque Ourense tamén é montaña e nestas zonas temos moitas oportunidades que explorar”.
Salientou Menor que o obxecto do VIII Congreso de EsMontañas, onde se profundaron nas claves para manter vivos os pobos de montaña, “é sen dúbida, un dos propósitos, se non o máis grande, de cuantos nos propoñemos quenes temos a inmensa honra de representar ao noso territorio como alcaldes e alcaldesas”. Lembrou tamén que a despoboación segue afectando especialmente os municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes, territorios en moitos casos tamén con altísimos niveis de dispersión da poboación.
“Precisamente, esa é a situación dos pobos de montaña e ese é a análise de partida deste Congreso, no que se abordaron dous eixos moi importantes: o da lexislación e o do desenvolvemento intelixente”, recalcou o presidente provincial.
Eco nos Cámaras
A este respecto, Luis Menor amosouse confiado “en que este traballo tan rigoroso, multidisciplinar e tocando todas as áreas posibles, teña o seu eco nas Cámaras e pronto podamos ver leis que blinden os nosos pobos de montaña. Confío en que o sementado aquí este ano siga agromando e frutificando nun futuro prometedor para os nosos municipios de montaña”.
Luís Menor tivo palabras de agradecemento para o presidente de EsMontañas. Miguel Gracia, “por escoller a provincia de Ourense como Capitalidade de Montaña de España durante 2024, dándonos a oportunidade de debater e poñer de manifesto as necesidades destes territorios, ao tempo que felicitou ás alcaldesas e alcaldes que formaron parte deste proxecto “e que reivindicaron e defenderon as particularidades dos seus municipios.
O presidente provincial tamén recolleu a proposta para acoller o acto de traspaso da capitalidade. Será a partir do próximo día 23 e durante un mes cando se proceda á apertura do prazo de presentación de candidaturas para a seguinte reunión dos municipios de montaña de España.