Clubs e atletas ponteareáns esixen reunirse co goberno para falar da nova pista de atletismo

Presentan sinaturas pedindo reformular o proxecto e lamentan a falta de diálogo

Ponteareas | Atletas ponteareáns e representantes dos clubs de atletismo local veñen de rexistrar no Concello unha solicitude para manter unha reunión coa alcaldesa de Ponteareas e o concelleiro de deportes, na que abordar o conflito creado tras a decisión do goberno local de instalar na vila unha pista de atletismo ovalada de só 200 metros.

A petición de reunión, que está apoiada con máis de 600 sinaturas de persoas do ámbito do atletismo, prodúcese ante a falta de diálogo do goberno de Ponteareas en toda a tramitación deste proxecto, xa que nin se asesoraron nin pediron opinión aos clubs locais nin ás persoas referentes no atletismo local.

“Non comprendemos como pode pretenderse destinar un millón e medio de euros a comprar uns terreos e executar un proxecto deportivo sen falar previamente coas persoas que practican ese deporte na vila”, sinalan.

Representantes dos clubs e atletas locais coinciden en que “en Ponteareas é necesaria unha pista de atletismo que mellore o espazo existente na actualidade en Pardellas, de case 500 metros. Pero temos claro que unha pista de 200 metros non vai solucionar nada, xa que pode producir lesións e non serve para os adestramentos nin para futuras competicións. Precisamos unha pista de 400 metros, que sirva para o deporte base e para atletas en idade adulta. Por iso propomos que se paralicen os trámites iniciados e se dialogue cos clubs e atletas locais para reformular o proxecto con participación e así utilizar o diñeiro de todas e todos con responsabilidade e pensando no futuro”, afirman.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.