Santiago de Compostela | A información sobre a convocatoria de folga e as reunións de negociación é falsa. En ningún momento a conselleira de Política Social, nin a consellería de Facenda nin o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños nin a Dirección Xeral de Función Pública, contestaron ás peticións de reunión dos convocantes da folga, nin contestaron á propia convocatoria de folga nin, moito menos, iniciaron unhas negociacións tendentes ao recoñecemento das reivindicacións dos convocantes e á desconvocatoria da folga.
O único ente lexitimado para esta negociación é o propio comité de folga, e non os sindicatos da mesa xeral, como parece querer dar a entender a conselleira. Calquera intromisión doutro ente ou calquera desviación da negociación por parte da conselleira entre os entes lexítimos para levala a cabo supón unha vulneración do dereito fundamental á folga.
As familias deben estar intranquilas ante o inicio do curso escolar, e non so as familias usuarias das Galiñas Azuis, senón tamén as usuarios dos centros de día e do resto de servizos do Consorcio, xa que a folga segue convocada en todos os seus termos e a chave para a súa desconvocatoria está nas mans e na vontade negociadora do Sr. Perfecto Rodríguez Muíños, da Sra. Fabiola García Martínez e do Sr. José María Barreiro Díaz, vontade que de momento é nula.
Se o Sr. Perfecto, a Sra. Fabiola e o Sr. José María pretenden que non se leve a efecto a folga que dará inicio o 5 de setembro deben acoller as demandas das súas traballadoras. De non ser así, a folga continuará até o 23 de decembro nos termos expresados na propia convocatoria da folga.