Do 16 ao 25 de abril celebraranse as tradicionais Festas de San Telmo 2022 en Tui, buscando recuperar o seu ritmo tras dous anos de pandemia. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou a programación desta edición e as expectativas en torno a estas festas patronais así como doutras iniciativas que leva adiante o Concello.
Cal é a programación para esta edición 2022 das Festas patronais de San Telmo?
A programación e moi ampla, queremos recuperar a vida na rúa cunha oferta diversificada, tanto nos diversos segmentos de idade como nos espazos públicos, pois xunto ás tradicionais localizacións no Paseo da Corredoira e na rúa Compostela, este ano apostamos por ampliar o ámbito das festas á zona de Camfran para repartir aos asistentes aos eventos festivos por todo o casco urbano, dinamizando as nosas rúas e os seus negocios.
Un momento importante da festa é o tradicional percorrido dos “xigantes” e dos “cabezudos”. Neste etapa post-Covid, cumprirase con esta tradición?
A comparsa de xigantes e cabezudos percorrerá ás rúas tudenses na primeira xornada das festas, o sábado 16 de abril e no propio día de San Telmo, o 25 de abril, acompañada da música tradicional da nosa terra.
San Telmo é Patrón dos Navegantes, toda vez Tui conta ca Comandancia Naval do Miño. Haberá unha iniciativa propia destas Festas no marco do proxecto Río Miño Navegable?
O proxecto “Río Miño Navegable” é unha grande aposta do Concello de Tui e os seus socios neste proxecto europeo (Salvaterra, Monçao e Valença, xunto con Turismo de Galicia e Turismo Porto e Norte) Non obstrante, transcende con moito o estreito espazo temporal destas xornadas festivas. Estará en funcionamento nos seus horarios habituais e todos os interesados poden reservar gratuitamente a súa praza a través da web: www.hemisferios.org.
No marco da eurocidade con Valença, existe promoción desta Festa en Portugal?
As festas de San Telmo posúen unha acreditada sona en todo o Norte de Portugal e queremos se sigan resultando un atractivo para a visita dos minhotos a Tui. Traballamos conxuntamente, ao abeiro da Eurocidade, co municipio de Valença na promoción dos nosos recursos turísticos, entre eles as festas de san Telmo declaradas de interese turístico galego, por exemplo recentemente coa nosa presenza na BTL a feira de turismo de Lisboa compartindo un espazo promocional neste certame.
“As festas de San Telmo posúen unha acreditada sona en todo o Norte de Portugal”
A Festa ten tamén unha conexión histórica xacobea, na que Tui é un referente polo paso do Camiño Portugués. Qué expectativas ten o Concello neste Xacobeo 21-22 co respecto ao turismo peregrino?
A recente certificación oficial por Goberno de Portugal do “Caminho portugués da Costa” entre Porto e Valença abre novas oportunidades de crecemento á chega de peregrinos á nosa cidade. O Concello ven traballando nas redes sociais, na promoción e coñecemento, con iniciativas como o “Foro do Camiño Portugués”, no mantemento da ruta e a súa sinalización, procurando a implicación de todos os axentes na xestión da ruta xacobea en Tui mediante o funcionamento da Mesa do Camiño. Pero as principais expectativas non son tanto de incrementar o número de peregrinos senón de incrementar a calidade e mesmo a excelencia dos servizos e a hospitalidade que ofrecemos aos peregrinos.
Noutra orde de ideas, Tui cobra cada vez máis protagonismo dentro da Red de Juderías en España. Que proxectos estanse levando a cabo neste sentido?
A integración da Red de Juderías de España posibilita que a nosa cidade haxa dado un salto substancial no ámbito patrimonial e turístico, participando nas actividades desta Red que comprende 21 municipios españoles. A presenza en feiras como Fitur en Madrid, ou a BTL de Lisboa, ás viaxes de familiarización de xornalistas, bloqueros, axentes turísticos, a promoción da gastronomía sefardí, a edición da guía da xudería de Tui e de inmediato o libro “Cidades de Sefarad”, exposicións e actividades, o proxecto pedagóxico “Benjamin de Sefarad”, os proxectos para acceder aos fondos “Nexte Generation”, o programa Rasgo para acreditar establecementos colaboradores da Red, etc, son algunhas das liñas de traballo da red e nas que Tui participa activamente
Finalmente, Tui amosa a súa solidariedade cos refuxiados ucraínos. Qué iniciativas está levando a cabo o Concello para a súa acollida?
O Concello de Tui, cos limitados medios que posúe, canaliza todo o labor de acollida aos refuxiados ucraínos coa creación dunha mesa de traballo local sobre este tema, na que participan as ONGs e asociacións do terceiro sector (Cruz Roja, SOS Tomiño, AIC – Voluntario San Vicente Paúl, asociación Vontade, Protección Civil, a coordinadora de “Diversidades- Acolle”) xunto a entidades como a Residencia “Paz y Bien”, a traballadora social do Centro de Saúde e as concellerías de ensino, formación e servizos sociais. De xeito coordinado, esta mesa de traballo analiza as necesidades dos refuxiados e as actuacións dos axentes implicados.