Vigo | A Zona Franca de Vigo e a Zona Franca de Tenerife colaborarán no impulso de novos proxectos, tal e como acordaron o delegado do Estado vigués, David Regades, co presidente da Zona Franca de Tenerife, Carlos E. González Pérez, que é tamén o presidente da Autoridade Portuaria, e a delegada do Estado, Margarita Pena Machín.
David Regades asegurou que “o apoio aos novos proxectos é fundamental para o Consorcio como axencia de desenvolvemento económico”.
“A colaboración entre as zonas francas é estreita e agora aínda máis, especialmente para as empresas galegas interesadas en Canarias e para as firmas canarias que queiran achegarse a Galicia”, continuou Regades.
A delegada, Margarita Pena Machín considera que “a experiencia da Zona Franca de Vigo é inspiradora para a Zona Franca de Tenerife, cuxo potencial de desenvolvemento, as súas peculiaridades fiscais, e a súa envexable posición xeoestrátegica, nos roteiros marítimos entre Europa, África e América que avivan a necesidade de estreitar a colaboración coa Zona Franca de Vigo, para promover a internacionalización e diversificación económicas, e estreitar lazos entre Canarias e Galicia”.
O presidente da Zona Franca de Tenerife e a delegada do Estado visitaron a sede de Zona Franca en Vigo, a aduana en Bouzas e o parque máis moderno do Consorcio, o de Porto do Molle en Nigrán, onde coñeceron o funcionamento da aceleradora ViaGalicia e a incubadora High Tech Auto, así como algunhas das empresas máis punteiras instaladas nese recinto.
A Zona Franca de Tenerife é unha das máis novas. A súa creación é do ano 2006 e conta cunha ducia de empresas. Así mesmo, ten un perímetro valado de 56.000 metros cadrados na Dársena dos Chairos e con outro de 200.000 metros na Dársena Pesqueira, así como 1.800.000 metros cadrados (case 2 hectáreas) autorizados no Porto de Granadilla.