Santiago de Compostela | O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia traslada ao alcalde de Vigo Abel Caballero as queixas de profesionais da comunicación que manifestan que desde a Alcaldía de Vigo se ten obstaculizado o seu traballo xornalístico, e pídelle que se tomen as medidas necesarias para eliminar estas graves limitacións á liberdade de prensa.
O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, remitiu a pasada semana,en representación da Xunta de Goberno, unha carta a Abel Caballero Álvarez, alcalde de Vigo, para expresarlle a preocupación do Colexio en relación ás queixas de xornalistas por ter recibido trabas ao seu labor informativo por parte do gabinete de prensa da alcaldía da cidade olívica.
En concreto, un xornalista colexiado remitía recentemente un escrito ao Colexio de Xornalistas no que denuncia que leva meses sufrindo silencios ás súas preguntas, denegación de acreditación e outras obstáculos por parte do devandito gabinete de prensa que lle teñen impedido realizar de maneira axeitada o seu traballo. A isto súmanse outras queixas recibidas polo Colexio arredor de desplantes e desprezos aos e ás xornalistas por parte do alcalde Caballero en distintas conferencias de prensa.
O Colexio de Xornalistas lembra ao alcalde de Vigo que estas prácticas constitúen unha gravísima limitación á liberdade de prensa e ao dereito a informar, e ínstao a que desde a Alcaldía e o Gabinete de Prensa se tomen as medidas necesarias para eliminar as trabas ás e aos xornalistas afectados, de maneira que todos os profesionais poidan levar a cabo o seu traballo de maneira libre.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia