Santiago de Compostela | Ante o comezo da campaña para as próximas eleccións municipais, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere pedir a todos os partidos que garantan o correcto desenvolvemento do traballo xornalístico e do dereito á información da cidadanía. Do mesmo xeito, ínstaos a comprometerse a contratar xornalistas para os postos informativos públicos e a asinar o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística desde as distintas administracións
Co inicio, este venres 12 de maio, da campaña electoral, dá comezo tamén un dos períodos máis frenéticos aos que se poden enfrontar os e as xornalistas na súa vida profesional. A preparación duns comicios revoluciona completamente as redaccións, máxime cando, como neste caso, se trata dunhas eleccións municipais que levarán a actualidade política a todos os concellos de Galicia, implicando na cobertura a todo tipo de comunicadores e medios, por máis pequeno que sexa o espazo xeográfico no que estean habitualmente centrados.
Porén, este momento que debera significar unha oportunidade para que brille o mellor xornalismo, convértese en demasiadas ocasións nun estado de excepción do dereito a informar. Como xa temos denunciado numerosas veces, os bloques de información electorais que se impoñen aos medios audiovisuais nas campañas significan un atentado contra os criterios profesionais e priman a propaganda sobre o interese informativo. Pero cada vez son máis numerosas as trabas dos intereses partidistas á liberdade de prensa: vetos a medios, limitacións aos debates electorais, actos “informativos” sen preguntas, imposición de imaxes e sinais de vídeo controladas polas formacións políticas….
“A liberdade de acceso á información é un piar esencial da democracia que todas as formacións que se presentan a estas eleccións din defender”
A liberdade de acceso á información é un piar esencial da democracia que todas as formacións que se presentan a estas eleccións din defender. É por iso que desde a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia facemos un chamamento aos distintos partidos políticos para que poñan punto final a todas estas prácticas que a limitan, agriden ou coartan. A deontoloxía profesional das e dos xornalistas é a mellor garantía de que a escolla de voto da cidadanía se realice en total liberdade e estea baseada nunha información fonda, veraz e obxectiva.
Alén diso, o Colexio de Xornalistas quere aproveitar esta ocasión para transmitir ás candidaturas as preocupacións da profesión galega. No caso dos gobernos municipais, a principal eiva detectada é a falta de estabilidade e de respecto á formación especializada que caracteriza a comunicación pública de moitos dos concellos galegos. Repetidamente se están a producir e denunciar contratacións e procesos selectivos de postos informativos que non inclúen a titulación correspondente ou a colexiación como requisitos.
É por iso que o Colexio puxo en marcha o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, que reclama a creación de postos de estrutura definidos claramente para a comunicación social e institucional, que sexa necesario ter o título universitario correspondente para realizar estas funcións e que as administracións apliquen estes mesmos criterios no caso de externalizacións. Un acordo que xa foi subscrito pola Fegamp e polo Concello da Coruña e que agora solicitamos aos partidos que se comprometan a asinar desde as distintas administracións, así como a trasladar os seus principios a todas as súas políticas públicas.