Santiago de Compostela | Como en anteriores citas electorais, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volveu comunicarse cos candidatos e candidatas á presidencia de Galicia das principais forzas políticas nas vindeiras eleccións autonómicas do 18 de febreiro. Nunha misiva, o decano trasládalles de novo as principais preocupacións sobre a profesión xornalística en Galicia e algunhas medidas para garantir o dereito á información, a meirande parte das cales son xa reclamacións históricas do conxunto dos xornalistas.
Na misiva trátanse as principais cuestións que ano tras ano continúan sen resolver e marcan a situación do xornalismo en Galicia, como a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional e a Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía, o modelo de medios públicos, a xestión da información electoral, as axudas aos medios e a publicidade institucional, a igualdade nos medios. a creación do Consello da Comunicación de Galicia ou o respecto ás e aos comunicadores.
Este é o texto completo da carta remitida aos candidatos e candidatas:
Estimado/a candidato/a,
Con este escrito queremos expresarlle as nosas preocupacións sobre a situación do xornalismo e a comunicación en Galicia e facerlle chegar algunhas das principais reclamacións da profesión, así como propostas de políticas públicas neste eido de cara ás próximas eleccións autonómicas. Por desgraza, unha vez máis temos que lamentar que non só non se produciran melloras substanciais desde a pasada cita electoral, senón que en moitos aspectos as circunstancia nas que se exerce este oficio empeoraron na nosa comunidade. Por todo iso, consideramos máis necesario que nunca que as candidatas e candidatos realicen un compromiso público coa defensa destas medidas necesarias para a profesión xornalística.
Como sabe, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo). Son funcións do Colexio afondar na mellora das condicións nas que se desenvolve o noso traballo; a defensa profesional dos seus membros; garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega; defender, de acordo co artigo 20.1 da Constitución Española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns; salvagardar a sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos e poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución, entre outros.
Con eses obxectivos en mente, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere reclamar da súa candidatura, e do resto das concorrentes ás Eleccións Autonómicas de 2024, un pronunciamento público a favor das seguintes premisas para garantir o dereito da cidadanía a recibir información veraz, e o dos/as xornalistas a desenvolver o seu traballo, tendo en conta que o dereito á información é un dos dereitos fundamentais de toda a cidadanía:
1. Estatuto do Xornalista Profesional e Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía. Logo de tantos anos, a súa aprobación continúa a ser unha das materias pendentes. É preciso que dende Galicia se impulse a súa definitiva aprobación, posto que só así se poderá garantir que realicemos o noso traballo con liberdade e independencia.
“O CPXG leva, practicamente desde a súa constitución, loitando por un novo modelo de medios públicos que garanta a súa independencia e pluralidade”
2. Medios Públicos Galegos. O CPXG leva, practicamente desde a súa constitución, loitando por un novo modelo de medios públicos que garanta a súa independencia e pluralidade. O Colexio participou no proceso de elaboración da Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, pero máis de doce anos despois da súa aprobación seguen sen se pór en marcha algunhas das súas disposicións máis importantes. Entre elas, o establecemento dun estatuto profesional e dun consello de informativos, a elección do/a director/a xeral da CRTVG por maioría parlamentaria reforzada ou a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente. O cumprimento íntegro da Lei é un requisito imprescindíbel para a necesaria profesionalización e desgobernamentalización dos medios públicos, así como para garantir o acceso da cidadanía a unha información veraz, plural e independente.
3. Bloques electorais. Como en cada convocatoria electoral, o CPXG quere lembrar aos partidos concorrentes ás eleccións que a información electoral nos medios audiovisuais, públicos ou privados, debería facerse segundo criterios profesionais e non estar sometida aos mesmos criterios mecánicos de reparto da propaganda electoral que determina a Xunta Electoral. Quen debe velar polo carácter democrático e plural da información teñen que ser organismos independentes de defensa do dereito á información, como son os Consellos Superiores do Audiovisual. Tampouco pode restrinxirse o acceso libre de cámaras e periodistas aos actos públicos, coa escusa de que a organización facilita xa as imaxes ou o contido das intervencións. Ambas as dúas prácticas impiden que os e as xornalistas poidan exercer a súa profesión, pasando de seren mediadores a simples reprodutores.
“Hai máis de quince anos que o Colexio de Xornalistas ten elaborada unha proposta para obxectivar a concesión de axudas aos medios”
4.- Lei de Publicidade Institucional e axudas aos medios. Xa hai máis de quince anos que o Colexio de Xornalistas ten elaborada unha proposta para obxectivar a concesión de axudas aos medios, que daquela entregara a todos os grupos parlamentarios sen conseguir que fose posta en marcha. Realizouse coa perspectiva de contribuír ao fortalecemento do noso sistema de comunicación, que debera ter na calidade, no pluralismo e na diversidade de modelos o seu verdadeiro norte. Aquela proposta, sen prexuízo de que hoxe poida ser actualizada, continúa a ser pertinente para reformar un sistema de axudas que segue a ser claramente deficiente e non ten a transparencia que debería. Cómpre lembrar neste punto a ausencia dunha Lei de Publicidade Institucional que leva sendo un compromiso electoral incumprido por máis dunha década e para a que sería imprescindíbel o consenso. Igualmente, demandamos un criterio transparente e obxectivo para a concesión de axudas polo uso do galego, algo ao que xa faciamos unha primeira referencia na nosa proposta do 2006 e sobre o que recentemente se entregou unha proposta actualizada á Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia.
5. Medidas para erradicar o machismo dos medios. En relación co punto anterior, cómpre engadir a necesidade de que as axudas aos medios estean supeditadas ao cumprimento dos principios éticos esixíbeis no respecto aos dereitos das mulleres. Coidamos que establecer uns baremos é tarefa dos lexisladores, previo debate e consulta profesional, e entendemos que precedentes como a Directiva 2014/24/UE e a Directiva 2014/23/UE do Parlamento Europeo, así como a Orde PCI/566/2019, de 21 de maio que traspón estas directivas, que habilitan legalmente ás administracións para introducir criterios sociais na contratación e na concesión de axudas públicas, son un exemplo de que non existen obxeccións xurídicas para quen ten vontade de resolver un problema.
“Consideramos esencial a participación da administración no fomento da perspectiva de xénero e a igualdade nos medios galegos”
Así mesmo, consideramos esencial a participación da administración no fomento da perspectiva de xénero e a igualdade nos medios galegos, tanto con medidas de formación, das que xa se produciu algunha experiencia piloto, como promovendo a creación de editoras de xénero dentro das empresas de comunicación.
6. Consello da Comunicación de Galicia. O Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, elaborado polo CPXG e aprobado por unanimidade en Asemblea Xeral en 2008, sinalaba a necesidade da creación dun Consello da Comunicación de Galicia, organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que defenda a sociedade dos intentos de limitar o dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir ou influír lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación e de quen traballan neles. Máis de quince anos despois, a súa creación continúa a ser unha reclamación básica para garantir os dereitos de toda a cidadanía.
7. Respecto ás e aos xornalistas. Aínda que non se trate estritamente dunha política pública, queremos aproveitar esta ocasión para trasladarlle a nosa preocupación sobre as desconsideracións a profesionais da comunicación que son cada vez máis habituais entre a clase política. Non se trata xa só da convocatoria de conferencias de prensa sen preguntas ou dos retrasos desproporcionados nas comparecencias, prácticas que deberan estar ausentes dunha comunicación política que teña en conta ás e aos xornalistas.
Nos últimos tempos, a crispación impregnou tamén a relación cos medios e este Colexio ten que denunciar frecuentemente insultos e ataques desde os distintos partidos a comunicadores e comunicadoras. Por iso, solicitámoslle a vostede e a súa formación que toda a relación con profesionais dos medios de comunicación, tanto na campaña electoral como ao longo da lexislatura, estea baseada na profesionalidade e o respecto ao traballo das e dos xornalistas.
“Nos últimos tempos, a crispación impregnou tamén a relación cos medios”
Agradecendo de antemán a súa atención, reciba un cordial saúdo.