Cadernos da viaxe.
O 28-D entrou en vigor o Decreto-Lei estatal de medidas contra a inflación, que introduciu unha extrema flexibilización dos trámites de avaliación ambiental e autorización administrativa de toda caste de instalacións de produción eólica de competencia da Administración do Estado (as de máis de 50 MW). Dende esa data e até a fin de 2024 esta caste de proxectos non precisarán da obrigada avaliación ambiental, agás se ubiquen no mar, na Rede Natura 2000 ou noutros espazos naturais protexidos ou consistan na construción de liñas aéreas cunha voltaxe de máis de 220kV e máis de 15 km de lonxitude.
Nestes supostos, se a Consellaría de Medio Ambiente non informa da existencia de afección ambiental do proxecto que se lle remita a estudo, considerarase que esa afección non existe e, xa que logo, o Ministerio competente poderá autorizalo.
Xúntase esta reforma ás desenvolvidas nos últimos anos pola Xunta de Galicia a respecto das instalacións eólicas da súa competencia (as de menos de 50 MW), seguindo o ronsel dunha Unión Europea que percura maximizar a autosuficiencia enerxética europea multiplicando a produción eléctrica a medio de fontes renovábeis. Mais o que é lóxico e razonábel no contexto europeo require dunha emenda á totalidade no caso galego.
“Porque exportamos máis do 35% da enerxía que producimos sen beneficio ningún para os nosos consumidores e empresas, que pagan igual ca os da rexión de Madrid”
Porque exportamos máis do 35% da enerxía que producimos sen beneficio ningún para os nosos consumidores e empresas, que pagan igual ca os da rexión de Madrid, que nin te nin agarda pór ningunha instalación eólica.
Ademáis, das resultas da reforma da lexislación eléctrica de Rajoy no 2013, os promotores eólicos non están obrigados a investir na contorna local do parque, mentres se lles facilita a expropiación dos terreos precisos para a súa instalación.
Para máis, os parques eólicos constitúen instalacións que requiren dun uso intensivo do territorio pouco compatíbel coas actividades agrograndeiras, turísticas e outras actividades económicas e mesmo coa propia habitabilidade rural. É dicir, non són non xeran emprego, senón que o dificultan. Na lóxica dun sistema de produción eléctrica baseado no transporte masivo aos grandes territorios consumidores (como Madrid), no canto do fomento do autoconsumo, a fixación da poboación no rural ou a diversificación das súas fontes de ingreso baten contra o criterio dun esquqema de produción hexemonizado polas multinacionais e grandes distribuidoras eléctricas españolas, logo da liquidación por Feijóo da alternativa eólica decidida polo BNG no 2007, que esixía das promotoras compensacións a xeito de plans industriais e investimentos e remuneracións a prol das comunidades locais. A lóxica que partillan dereita e esquerda españolas nesta cuestión é colonial. Velaí que o problema desta enxurrada eólica esixa unha resposta política de País que só o soberanismo galego pode propor á nosa sociedade.