Ourense | A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE e Xuventudes Socialistas organizan, o vindeiro venres 6 de setembro, ás 19:30 horas, unha mesa redonda que contará coa presenza de Orlando Saavedra Cantillana, concelleiro socialista en O Barco de Valdeorras e exiliado tralo golpe de Estado militar de Pinochet e que formaba parte do Movimiento de Izquierda Revolucionaria (MIR) en Chile por entón.
Ademais do coloquio para abordar a experiencia do edil, que viviu dende dentro o momento histórico que supuxo un punto de inflexión no devenir do país andino, proxectarase o documental do cineasta ourensán, exiliado en México, Carlos Velo titulado ‘Universidad comprometida’ (1973). O filme versa sobre o discurso que o presidente Salvador Allende deu na universidade de Guadalajara e que está considerado como unha das mellores intervencións políticas públicas do século XX.
Co gallo do golpe de Estado que asasinou ao mandatario socialista (o 11 de setembro de 1973), e impuxo a ditadura militar de Pinochet, poderá visualizarse de balde un documento da época que reflicte a situación sociopolítica durante aqueles instantes e que intercala imaxes dos conflitos que se vivían por entón coas palabras de Allende.
O encontro e a proxección terán lugar no Centro Cultural Ángel Valente e a entrada será de balde ata completar aforo. Na foto Saavedra Cantilla, nado o 21 de maio de 1949 no deserto de Tamarugal, ao norte de Atacama (Chile), foi cirurxán no Hospital Comarcal de Valdeorras e director do centro.