Monforte de Lemos | O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Monforte de Lemos xunto á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) nunha xornada informativa para comunicar aos comerciantes da vila e da comarca lucense a nova convocatoria de apoios por 6 millóns de euros para impulsar a transformación dixital e a modernización do comercio galego de proximidade e do sector artesán.
Este programa de axudas, do que se poden beneficiar pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, incrementa nun 20% o seu orzamento con respecto ao ano pasado.
A través desta proposta, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 23 de xuño, búscase apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual para conectar co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada ao novo consumidor. O obxectivo é que a mobilización público-privada acade os nove millóns de euros.
Dúas liñas de actuación
O programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, conta con dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física.
Entre as actuacións subvencionables atópanse a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de márketing dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos.
O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.
Os artesáns galegos teñen tamén ao seu dispor o programa de axudas para o fomento da comercialización da Artesanía de Galicia, dotado con 265.000 euros. Esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de xuño, inclúe apoios de ata 8000 euros para os obradoiros artesanais que participen en feiras nacionais ou internacionais.
Os concellos e as asociacións profesionais e empresariais artesanais que organicen feiras no ámbito de Galicia poderán obter axudas de ata 15.000€ e 18.000€.