Comezan as ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’

Organizado pola Asociación Hostalaría Compostela

Santiago de Compostela | A Bodeguilla de San Lázaro acolleu o acto de inauguración das ‘Rutas Revera Vinum Compostela’ que se poderán percorrer desde hoxe ata o 27 de marzo. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, e outros representantes da Corporación, deron inicio a esta actividade tomando un viño galego.

Nestas Rutas participan un total de 36 bares e restaurantes distribuídos en seis rutas: Ruta de San Lázaro (A Casa da Viña, A Grella, Bodeguilla de San Lázaro, Mesón de Lázaro, O Afiador e Pedra Santa); Ruta da Cidade Histórica (A fuego lento, A Tuna, Bar Suso, Café Casino, Comovino e Vinoteca Cervantes); Ruta San Pedro – Praza de Abastos (A Ostrería, A Medusa, A Sucursal de Moha, Bicoca, Bodegón Casas Chico, DeLito Espazo Gastronómico e O Dezaseis); Ruta San Clemente – Franco (A Lareira, Abellá, La Morena, Marte, Pumar, San Jaime e Ventosela); Ruta do Ensanche (Café D’Lucía, Café Bar Isla, Cafetería Arosa, Lido e Par6 Bar) e Ruta de Santa Marta (A Vaquiña, ArteSana Gastrobar, Bodeguilla de Santa Marta, Mera e O Ferro).

A clientela atopará nestes locais uns tarxetóns con estes itinerarios, que poderá ir completando co selo do establecemento por consumir un viño con DO ou IXP galega. Por cada ruta rematada, entrarase nun sorteo de diferentes agasallos, como 10 experiencias Cheese & Wine na Adega Ponte da Boga, un percorrido guiado que culmina coa cata de 4 viños e a maridaxe do queixo galego máis axeitado para cada un deles. Sortearanse tamén lotes de viños, estancias de turismo rural… Todos os regalos poden consultarse na web reveravinum.gal

Ademais destas rutas, o Concello de Santiago colabora tamén na posta en marcha de outras dúas actividades paralelas do Revera Vinum. Trátase dunhas ‘Catas con Maridaxe Musical’ que se desenvolverán o mércores 23 de marzo na Sala Riquela e o sábado 26, na Sala Sónar. As prazas para estas dúas catas que mesturarán viño e música xa están esgotadas.

Entradas á venda
O I Encontro do Viño Galego Revera Vinum reunirá no Hotel Monumento San Francisco durante o 22, 23 e 24 de marzo a máis de 180 bodegas na zona expositiva e un túnel do viño con máis de 300 referencias. Desenvolveranse ademais multitude de actividades como catas, mesas redondas, etc. As entradas (15 euros a entrada individual e 30 euros o bono de tres días) poden adquirirse a través da web reveravinum.gal.

Este Encontro, promovido pola Asociación Hostalaría Compostela e organizado por Escenoset, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e o Concello de Santiago. Tamén conta co patrocinio de Ponte da Boga e Cervezas 1906, Gadis e coa colaboración de Viaqua, Grupo Roig, Cotelga, Novas & Mar, Galicia Calidade, Ternera Gallega, o Concello de O Pino, o CIFP Compostela, o CPR O Raio Verde, Artesanía de Galicia, AllWork, eBullicionar e Renfe, como transporte oficial.