O Porriño | A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada da concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiron esta mañá ao CEIP “Antonio Palacios” para comprobar in situ o desenvolvemento dos protocolos anti-covid no primeiro día de volta ás clases.
A Policía Local supervisa a seguridade nos accesos aos centros docentes
Andrés Vieitez, director do colexio e outros membros do claustro de profesores explicaron á comitiva municipal como fixeron o reparto e distribución de espazos seguros para as diversas actividades docentes, tempos de lecer e servizos de Plan Madruga e comedor escolar. O CEIP Antonio Palacios ten preto de 400 alumnos. Xunto co CEIP “Fernández López”, tamén con 400 alumnos, son os dous colexios con máis matrículas do Porriño.
“A normalidade, pese as restriccións esixidas, foi a boa nova deste primeiro día de actividade docente no Porriño”, sinalou Lourdes Moure que agarda que “mañá sexa igual de tranquilo” coa incorporación ás aulas dos alumnos de outros cursos de Infantil e Primaria, ata completar a cifra estimada de 1.500 escolares nese nivel na nosa vila.
A vindeira semana, será a quenda dos estudantes de ESO, FP e Bacharelato que, aproxidamente son outros 1.500 máis.
Tanto no CEIP “Antonio Palacios” coma nos restantes centros docentes de Educación Infantil, Primaria e Especial do Porriño, realizouse hoxe polos axentes da Policía Local e continuará nestes primeiros días do curso, un control para verificar que o acceso ás instalacións sexa conforme aos protocolos establecidos e se faga coas debidas garantías de seguridade e de xeito ordenado. Tamén se efectuará a mesma vixilancia na saída dos escolares.