Ourense | O delirium, ou síndrome confusional agudo, é un trastorno que afecta entre o 20 e o 30 por cento dos pacientes hospitalizados, con máis frecuencia segundo avanza a idade do paciente.
Coa idea de expor propostas de comunicación alternativas, recentemente desenvolveuse unha corrente denominada medicina gráfica, a cal pode supoñer un formato útil tanto para profesionais sanitarios como para pacientes e familiares. Dada a importancia da prevención e educación sanitaria nesta patoloxía, deseñouse este material gráfico informativo como parte de traballo de fin de Grao de Medicina, coa finalidade de ilustrar e mellorar o entendemento do delirium, destinándose a pacientes en risco, familiares e estudantes de ramas sanitarias.
A autora do traballo é Paula González Moral, do departamento de Medicina Interna, co seu titor Arturo González Quintela e o cotutor Pablo López Mato, médico internista e co-director do traballo de Fin de Grao. López Mato sinala que “o proxecto de Paula González Moral, de sexto curso de Medicina da USC, recibiu a cualificación de sobresaliente e a obra englóbase dentro do grupo de investigación multidisciplinar Alerta Delirium do Complexo Hospitalario de Ourense para volver á humanización da atención médica”.
A publicación en forma de cómic leva o argumento e guión de Pablo López Mato sendo o debuxo e o guión obra de Paula González Moral.