A Coruña | A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quere demostrar o seu desacordo con que se expoñan nas vitrinas do Museo Histórico Militar da Coruña os obxectos doados pola familia de Sergio Peñamaría de Llano, como o uniforme, pistola, banda e medallas, sen ningún tipo de aclaración nin contextualización histórica.
Sergio Peñamaría de Llano, militar e alcalde da Coruña nos anos 50, participou na posguerra na represión física na comarca de Valdeorras como tenente ao mando do I Tercio de III Bandera de la Legión.
Así mesmo, a partir dos anos 40, formou parte como fiscal nos consellos de guerra realizados na ditadura, solicitando penas de morte en procesos realizados sen ningún tipo de garantías xurídicas.
Por este motivo, o presidente e varios representantes da CRMH compareceron hoxe na Delegación do Ministerio de Defensa en Galicia para rexistrar unha solicitude reclamando a retirada de calquera obxecto referido a Sergio Peñamaría de Llano, considerando que non reúne as condicións militares nin morais para figurar como persoeiro representativo da historia desta cidade en tempos dunha cruel ditadura.