Comisión da Memoria Histórica insta a acabar cos restos do franquismo nas rúas coruñesas

Mediante comunicado enviado aos grupos políticos municipais

A Coruña | A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) na cidade da Coruña instou mediante comunicado aos grupos políticos con representación na Corporación Municipal a sumar esforzos para acabar coa simboloxía franquista aínda presente nas rúas coruñesas.

O comunicado reza así:
Os grupos municipais de PSdeG/PSOE, PP, Marea Atlántica, BNG e concelleiras non adscritas, a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, presentan a seguinte moción para o Pleno de 3 de febreiro de 2022 sobre a divulgación e sensibilización do informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, e sobre a Marcha Cívica para acabar cos restos do franquismo.
Exposición de motivos.

A opinión pública coñece en novembro de 2021 un documentado informe de 51 páxinas que presenta o grupo de traballo da Memoria Democrática para a aplicación da Lei de Memoria Histórica no Concello da Coruña en relación coa denominación de rúas, avenidas e prazas da cidade. Como recolle o grupo de traballo, este informe é unha primeira fase, que se centra na investigación sobre 14 persoas con rúas.

Na presentación explica o proceso de elaboración dese informe:
“Na sesión extraordinaria celebrada o 27 de novembro de 2019 polo Consello da Memoria Democrática baixo a presidencia da Sra Alcaldesa, no Asunto nº 4 da orde do día foi aprobado, por unanimidade, a formación dun grupo de traballo, liderado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, que puxese en marcha estudos sobre a retirada da simboloxía franquista conforme ao proposto polo propio Consello na súa reunión do 28 de febreiro de 2019.

Para coordinar o citado grupo de traballo, o devandito Instituto propuxo a un dos seus membros numerarios, Ana Romero Masiá, que tamén forma parte do Consello da Memoria Democrática, proposta que foi aceptada por todos os presentes.

O director do Instituto José Cornide, D. Xosé Antón Fraga Vázquez, informou deste nomeamento á Xunta de Goberno e ao Pleno de Numerarios da institución, que tamén aceptaron por unanimidade a decisión.

Aceptada a proposta por todas as partes implicadas, formalizouse o nomeamento e Ana Romero Masiá organizou o grupo de traballo formado por ela mesma xunto con Luis Lamela García, Segundo Saavedra Rey e Carmen Martín Velázquez, grupo que se puxo a traballar de inmediato”.

Non estamos ante“un informe máis”xa que a súa realización foi aprobada por unanimidade do Consello da Memoria Democrática (CMD). Por outra parte, a designación de Ana Romero Masiá –que é membro do citado Instituto e do CMD– como coordinadora do grupo foi aceptada por unanimidade do Pleno de Numerarios do Instituto José Cornide.

O Pleno da corporación do 2 de decembro de 2021 acordaba, entre outras cousas:“Instar ao goberno municipal a poñer ao dispor da cidadanía o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a aplicación da Lei de Memoria Histórica e a iniciar, en colaboración coas asociacións memorialistas, un traballo de divulgación e sensibilización sobre os seus achados e as súas conclusións”.

Para colaborar nesa divulgación e sensibilización, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña vai comezar informando á cidadanía de cinco das biografías a través dunha Marcha Cívica, para sinalar o lugar onde están situados eses restos do franquismo, e difundindo ese informe coa colocación de mesas informativas.

Isto é o que recolle o citado informe como conclusións sobre os cinco protagonistas desta Marcha Cívica:

Pedro Barrié de la Maza. “Papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía [Banco Pastor], polo que se lle deben retirar os honores concedidos”.

Alfonso Molina Brandao. “Como presidente da Cámara de Propiedade iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional. É, polo tanto, colaborador activo na represión e se lle deben retirar os honores concedidos e cambiar o nome da avenida”.

Eduardo Sarjurjo de Carricarte. “Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día”.

Fernando Álvarez de Sotomayor. “Polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados e a súa contribución ao trunfo do chamado Alzamiento Nacional, é candidato a que se lle retiren os honores concedidos polas corporacións municipais franquistas coruñesas durante a ditadura”.

Ambrosio Feijoo Pardiñas. “Participación de forma activa na represión na Coruña e Asturias durante a Guerra Civil [presidiu como xeneral consellos de guerra] son motivos suficientes para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retire o honor de ter dedicada ao seu nome a céntrica rúa situada entre as avenidas da Mariña e do Porto da Coruña”.

Por todo isto e, como aplicación do acordo plenario de 2 de decembro de 2021, o Pleno da corporación,
Acorda

Apoiar a Marcha Cívica (6º Roteiro da Vergoña) de información e sensibilización sobre a retirada dos restos do franquismo, que se celebrará o sábado 19 de febreiro con saída ás 12 horas da casa natal de Pedro Barrié na praza de María Pita, continuará pola casa natal de Alfonso Molina en Porta Real, busto de Eduardo Sanjurjo de Carricarte, detrás do concello, praza de Pintor Sotomayor na rúa Panadeiras, e rúa Ambrosio Feijóo no lateral de Correos.
A Coruña, xaneiro de 2022.

6º roteiro pola Memoria o 12 de marzo
A CRMH convoca a unha nova marcha cívica, o 6º roteiro da Vergoña para o vindeiro 12 de marzo, con saída ás 12:00 horas, dende a praza María Pita e pola eliminación dos restos do franquismo na Coruña.

Nesta ocasión o Roteiro comezará na casa natal de Pedro Barrié na praza de María Pita, continuará pola casa natal de Alfonso Molina en Porta Real, busto de Eduardo Sanjurjo de Carricarte, detrás do concello, praza de Pintor Sotomayor na rúa Panadeiras, e rúa Ambrosio Feijóo no lateral de Correos.

En cada parada haberá lectura dunha breve biografía das cinco persoas por parte de presas e presos políticos de Galiza na ditadura e familiares de vítimas do franquismo. Persoas relacionadas coa cultura lerán poemas sobre a represión.

Como xa fixemos no 5º Roteiro no barrio do Ventorrillo o pasado 2 de outubro, nas rúas Pintor Sotomayor e Ambrosio Feijoo serán colocadas rúas alternativas.

Coa celebración deste 6º Roteiro, e outros que realizaremos nos próximos meses, A CRMH quere colaborar co concello da Coruña no cumprimento do acordo plenario do pasado 2 de decembro: “iniciar un traballo de  divulgación e sensibilización” do informe coordinado pola historiadora Ana Romero do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, que recibiu o Consello da Memoria Democrática, para retirar as rúas e distincións a 14 persoas.

A CRMH considera que chegou a hora de que a cidadanía coñeza unha historia secuestrada durante moito anos: Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina non eran “coruñeses exemplares”, senón significados franquistas ao servizo dunha ditadura criminal, un réxime fascista, como foi cualificado en 1946 por Nacións Unidas.

A CRMH comparte as conclusións do citado informe, que é a primeira fase, para retirar as rúas e distincións ás cinco persoas protagonistas deste 6º Roteiro da Vergoña:
Pedro Barrié de la Maza. “Papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía [Banco Pastor], polo que se lle deben retirar os honores concedidos”.

Alfonso Molina Brandao. “Como presidente da Cámara de Propiedade iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional. É, polo tanto, colaborador activo na represión e se lle deben retirar os honores concedidos e cambiar o nome da avenida”.

Eduardo Sarjurjo de Carricarte. “Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día”.

Fernando Álvarez de Sotomayor. “Polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados e a súa contribución ao trunfo do chamado Alzamiento Nacional, é candidato a que se lle retiren os honores concedidos polas corporacións municipais franquistas coruñesas durante a ditadura”.

Ambrosio Feijoo Pardiñas. “Participación de forma activa na represión na Coruña e Asturias durante a Guerra Civil [presidiu como xeneral consellos de guerra] son motivos suficientes para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retire o honor de ter dedicada ao seu nome a céntrica rúa situada entre as avenidas da Mariña e do Porto da Coruña”.

Propietario da foto: Cadena SER.