O Diario Oficial da Unión Europea publicou un documento único modificado, con data 16 de marzo, a raíz da aprobación dos cambios do chamado prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Estas modificacións supoñen un importante logro para o selo de calidade galego, posto que eran unhas premisas moi demandadas dentro do sector. Cabe lembrar que esta IXP iniciou a súa actividade hai más de 30 anos e cada vez ten máis apicultores, maior número de colmeas e eríxese como a denominación de calidade a nivel nacional que máis mel certifica, representando o 60%.
Coa aprobación final por parte da Comisión Europea, o Pleno do Consello Regulador da IXP pon o broche de ouro aos dous anos de arduo traballo que supuxo a modificación da normativa, e cuxos cambios presentaba publicamente ante a Consellería do Medio Rural no pasado mes de xuño de 2020. A decisión favorable deste organismo chegaría en agosto dese mesmo ano.
Entre as principais novidades introducidas no prego de condicións, destaca a incorporación dunha nova categoría de mel, o “mel de melada”, que poderá levar a mención “Mel de bosque” na súa etiquetaxe. O seu espectro polínico corresponderase coas plantas características da vexetación galega, destacando a presenza dos tipos polínicos Castanea sativa, Rubus, Cytisus/Genista e Erica.
Do mesmo xeito, actualízanse diversos aspectos da descrición sensorial dos diferentes tipos de mel e rebáixase a porcentaxe de pole de breixo na caracterización meliso-palinolóxica do seu mel monofloral, pasando do 45 ao 30%. A nova normativa tamén entra nas diversas especificacións do método de obtención, axustándoas á realidade actual, adecuándose así o sistema de control e certificación aos requisitos establecidos na norma.
Con todo, a normativa consegue estar perfectamente adaptada ao devir dos tempos, ao dinamismo do sector e á introdución das novas tecnoloxías existentes; sen afectar en ningún caso ás características esenciais do mel nin á súa vinculación co medio natural. A IXP Mel de Galicia segue a ser o único garante de orixe galega e de calidade diferenciada.