Dos xitanos cóntanse unha morea de anécdotas; seguramente a maior parte delas non son verdade, pero esta sérvenos para situa-lo problema que hoxe queremos tratar: a situación de Arxentina.
Din que un xitano comezou a quitárlle-la comida ó seu burro pouco a pouco, día a día; cada vez un chisco menos. O animal foi aguantando e o xitano fregábase as mans porque ía conseguir ter un burro que lle fixera o traballo e que non lle custara nada mantelo. A sorpresa do tal personaxe foi que unha maña calquera atopouse co burro estarricado, morto.
As malas linguas atribúenlle ó xitano a seguinte sentencia: “Agora que xa estaba acostumado a non comer, morre”.
Arxentina semellase ese burro que aportaba traballo e recursos máis que suficientes tódolos arxentinos; porque ninguén dubida a estas alturas de que Arxentina é un dos tres países máis ricos de américa e tal vez do mundo.
¿Que pasou logo para que nestes momentos se encontre en quebra? ¿Que “terremoto sociolóxico, físico ou económico” ten sacudido a este querido pais para preto da metade da súa poboación estea pasando fame real, auténtica, non estadística?
O señor Vargas Llosa (El Pais 7/I/02) pregúntase que cataclismo, praga ou maldición divina caeu sobre Arxentina para que en medio século pasara de se un pais de promisión á situación actual. Atrévese a dicir que detrás de todo está unha motivación recóndita, difusa; certa predisposición anímica e psicolóxica. Algo así como se os arxentinos quixeran, voluntariamente, pasar fame. Acode a unha obra de Ana Maria Barrenechea “La expresión de la irrealidad en la obra de J. Luis Borges”.
Nós pensamos que todo resulta sinxelo e fácil de explicar: os políticos e a alta burguesía arxentina levan séculos probando ata onde podia esquilmar, roubar, ós traballadores e pequenos empresarios arxentinos sen que morresen, como o burro do xitano.
Comezaron a chuparlle os recursos ó pais pensando que o podian facer eternamente. As súas “haciendas”, como din por aquelas terras, ían crecendo, e os depredadores,especuladores, ladróns,( para non andar con subterfuxios lingüísticos),, facíanse a idea de que o sistema non tiña fin. Que, como din os actuais falsos e corruptos economistas , pobres e ricos ten que haber sempre, porque senón fora así ¿como se distinguen a alta e baixa crase social?
Claro que o sistema non podía ser eterno. Os arxentinos non estaban dispostos a esterrica-la perna como o burro do xitano da historia. Con coraxe e dignidade, sairon á rúa e dixéronlle ós seus corruptos dirixentes que ¡¡basta!!.
As imaxes e as información que nos chegan dándonos conta de como un pobo ferido e atacado nos seus sentimentos máis íntimos (supervivencia e dignidade) é que de poñer na rúa a dous, tres, catro presidentes… , son preludio de que algo está cambiando. A Arxentina é hoxe paradigma no que todos temos unha referencia obrigada: a un pobo non se lle pode condenar eternamente a morrer por inanición. Un pobo dono dos seus destinos é quen de forzar ós seus dirixentes a poñer fin a toda unha serie de arbitrariedades e abusos de poder; e quen de forzar situacións impensables nos manuais de economía; tanto da capitalista, como da liberal ou da socialista, se é que nestes momentos se distinguen en algo.
Os políticos arxentinos dos últimos cincuenta anos , incluídos os dictadores do interregno, pensaron que o pobo podía ser esquilmado, chuchado eternamente. Non foi así. Hoxe xa coñecen o que pode ocorrer cando, igual que fixo o xitano, pretenden que a xente se acostume a pasar fame sen rechiar; resista tódolos abusos habidos e por haber sen dicir ren.
¡Mágoa escoitar ó nosos representante gobernamental, Sr. Piqué (¿que ben estaba co bico calado?) recomendarlle ós arxentinos que tiveran coidade con medidas económicas heterodoxas! ¡Como se as medidas económicas obrigadas que ata hoxe foron postas en marcha polo FMI e polos distintos gobernos (incluído o ínclito Cavalo) de Arxentina foran ortodoxas! Tal vez si, pero, ¿ortodoxas para quen? Aí está o resultado.
Felicitamos ó pobo arxentino na súa coraxe e dignidade. Esperamos que lles teña servido de lección; que os españois, sobre todo os galegos, non se esquezan que a capital arxentina, Bos Aires, foi a principios do século pasado a maior cidade galega; alí contabilizáronse preto de 300 mil galegos. Hoxe están chegando arxentinos a Galicia en busca de traballo; sexamos quen de recibilos coa mesma franqueza e altura de miras que eles fixeron cos nosos antergos. É o menos que podemos facer. De ben nacidos é ser agradecidos.
Este artigo foi publicado orixinalmente no 2002.