Como inflúe o xénero no uso e na transmisión do galego?

Nova publicación da Real Academia Galega sobre estudos sociolingüísticos

A Coruña | Como inflúe o xénero no uso e na transmisión do galego? Ata o momento a sociolingüística galega prestoulle pouca atención a esta pregunta, pero os datos das distintas enquisas que sen teren como finalidade explorar a incidencia deste parámetro o miden, xunto a outros estudos de carácter cualitativo, permiten facer unha primeira cala nesta cuestión.

Os resultados e as reflexións froito da súa análise desde a Real Academia Galega conforman o volume Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión, dispoñible xa en liña na sección de publicacións de academia.gal.

A edición da RAG, que sae do prelo co apoio da Deputación de Pontevedra, pretende ser un primeiro achegamento da institución a unha cuestión “realmente fulcral para a normalización e a planificación lingüística”, salienta a académica María López Sández, coautora do libro que asinan tamén os técnicos do Seminario de Sociolingüística da institución, Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino S. Vázquez-Grandío.

O traballo enmárcase nunha liña de crecente interese internacional centrada na relación entre a lingua e o xénero, que está á súa vez estreitamente relacionada co concepto da interseccionalidade, referido á interacción entre os factores sociais que definen a identidade dunha persoa ou dun colectivo. Nesta confluencia de variables podería estar a resposta ao feito -entre outros comportamentos lingüísticos- de que a porcentaxe de mulleres monolingües en castelán sexa sensiblemente superior, un 26 % fronte a un 22,3 % de homes que non falan habitualmente o galego.

“A primeira gran conclusión sobre a que queremos chamar a atención é a propia relevancia do estudo do parámetro xénero na súa dimensión sociolingüística. Aínda que non se constata unha fenda de xénero rechamante, no conxunto de traballos analizados si hai unha consistencia clara que podemos estimar arredor dun 4 % no uso e na transmisión interxeracional, menor no caso das mulleres”, concreta María López Sández. E na procura do porqué a exploración da interseccionalidade ten moito que achegar, engade a académica. “Non podemos esquecer que tanto o galego, na súa condición de lingua minorizada, coma a muller fronte ao home son realidades subalternas. E esta confluencia de subalternidades é relevante: ás veces un sector subalterno busca un reforzo a través de elementos que están prestixiados a outro nivel. Isto podería incidir na maior presión que reciben as mulleres cara ao uso do castelán, que se constata, por exemplo, no contexto laboral, segundo se ratifica en diversos estudos”, profunda.

Prexuízos lingüísticos e sexistas
Os prexuízos que identifican o castelán como unha lingua máis fina e mais esta calidade co construto social que hai sobre a feminidade tamén explicarían outra tendencia constatada na análise de transmisión lingüística interxeracional: os avós falan máis galego que as avoas cos seus netos e netas, pero eles tamén se comunican menos na lingua propia coas cativas.

Pero a subalternidade social das mulleres tamén pode ser en ocasións “un factor de sensibilización lingüística”, advirte a académica. De igual maneira que o feito de ser muller pode contribuír a unha maior consciencia feminista, e esta á súa vez favorecer a loita contra a dobre discriminación que sofren as mulleres racializadas, en ocasións desde o activismo feminista tamén se amosa unha maior sensibilidade cara á defensa do galego. O Seminario de Sociolingüística destaca nesta liña o potencial que presenta a procura dunha “alianza entre a loita feminista pola igualdade de xénero e a normalizadora da preservación do idioma galego”.

“Ambas as causas amosan evidentes e suxestivos paralelismos, diso non cabe dúbida, e os datos analizados neste estudo indican, ás claras, que a erradicación da discriminación de xénero sería, de feito, beneficiosa para combatermos a diglosia e que os dous procesos, o da conquista da igualdade entre mulleres e homes e o da preservación da lingua propia, poden actuar en sinerxía ao se atoparen interdeterminados e relacionados de múltiples xeitos”, apunta o equipo investigador no apartado de conclusións de Lingua e xénero en Galicia.