O 2022 ten sido un ano de imprevistos, surrealista, de inseguridades. Volveu á guerra a Europa (Ucraína) cun destino tan incerto que, ó mesmo tempo, procreou o ‘renacemento’ da OTAN (que estaba en “morte cerebral”, Macron dixit) toda vez as tensións na escala global (Taiwán, Corea do Norte) amezan a cada vez máis precaria seguridade dun mundo hoxe maniatado polo rearme e o poder dos “falcóns” militaristas.
Tamén acontecen crises e rebelións cívicas (Irán) con expectativas incertas de cambio de rumbo. Un Mundial de fútbol atípico e politicamente polémico polas violacións de dereitos humanos do país anfritrión (Catar). En China volve o ‘culto á persoalidade’ versión ‘post-maoísta’ en mans do ‘novo Emperador Xi Jinping’.
E tamén volveron Trump, anunciando a súa candidatura presidencial 2024, Lula á presidencia en Brasil e o eterno Netanyahu ao poder en Israel. E inimigos do pasado recente (Maduro) agora son os “novos amigos” dese Occidente traumatizado pola alteración do equilibrio enerxético por mor da guerra ucraína.
Nesta nova orde global en curso, en 2022 tamén observamos o ‘novo poder’ en mans de millonarios “visionarios” (Elon Musk, Jeff Bezos, Bill Gates) con cada vez máis capacidade para controlar as nosas vidas, se tomamos como ferramenta de control as redes sociais, as novas tecnoloxías e a industria do entremento e como as empresas “filántropas” que auguran exploracións espaciais (será porque a Terra xa non será habitable?) que determinan como a ‘nova ideoloxía da verdade’ vaise progresivamente impoñendo na nosa vida cotiá, rémora daquela predición orwelliana de 1984 (Feijóo absterse de opinar)
Algo debe estar cambiando, evidentemente para peor, para que un prestixioso historiador militar como Anthony Beevor considere que estamos no momento previo a unha nova guerra mundial, poñendo como símil histórico o período anterior a 1914. Non é casualidade. Unha sensación que parece compartir o presidente estadounidense Joe Biden cando afirma que estamos na “década decisiva” para definir o poder mundial do século XXI. Ou tamén do presidente ruso Vladímir Putin cando asegura que esta é a “década máis perigosa desde o final da II Guerra Mundial”. Guerras, perigos, inseguridades dun mundo “post-pandémico” lastrado por vellas e novas pandemias.
“Non sabemos que deparará o 2023, como tampouco tíñamos claro como sería este 2022”
Non sabemos que deparará o 2023, como tampouco tíñamos claro como sería este 2022. Haberá unha “nova revolución” iraniana que desarticule ao réxime teocrático, para beneplácito occidental? Terminará a guerra en Ucraína? E se é así, como finalizará? Seguirá Putin no poder? E Zelenski? Que deparará este ano para África e América Latina? Ralentarizará China o seu crecemento económico? EE.UU seguirá observando un evidente declive global nun século que se anuncia asiático? Virán novas pandemias? Que guerras volverán para afectar a nosa vida cotiá?
Non temos as respostas pero si moitas interrogantes. A única certeza a priori é observar a dinámica, non menos imprevisible, de cambios nunha orde mundial que derruba progresivamente o sistema da “posguerra fría”. Os próximos lustros (mellor contabilizar así en vez de decenios, tomando en conta os vertixinosos cambios) definirán a magnitude da nova confrontación bipolar de “guerra fría” xeoeconómica entre EE.UU e China. Choque inevitable por moito que Xi e Biden se dean a man no cumio do G-20.
“O 2022 certificou o regreso da xeopolítica. O vindeiro ano confirmará esta diagnose”
O 2022 certificou o regreso da xeopolítica. O vindeiro ano confirmará esta diagnose. Sexa como sexa, neste mundo de incertezas, non esquezamos a esperanza. Aos nosos lectores, Feliz 2023!