Cómpre a Policía Galega.

El Correo Gallego | Os gobernos navarro e do Estado veñen de acordar o traspaso dos medios e servizos públicos de tráfico e seguranza viaria á Comunidade Foral dende o vindeiro 1 de xullo. Nafarroa será o terceiro territorio autónomo do Estado, logo de Euskadi e Catalunya, que asuma esta competencia.

O noso Parlamento aprobou por unanimidade no 2008 unha proposición de lei suxerida polo vicepresidente Anxo Quintana (BNG) que foi rexeitada polo Congreso estatal no 2010 por mor da traizón á vontade unánime da Galicia dun bipartidismo dinástico que se abstivo (PP) ou votou en contra (PSOE). Por certo, daquel Núñez Feijóo aprobara esta iniciativa.

En abril de 2021 o BNG reproduciu no noso Parlamento a proposición de lei unánimemente aprobada no 2008 acadando o voto favorábel do PSdeG e a abstención do PP. Mais moi axiña os populares amosaron a súa suxeición á axenda de centralismo supremacista e acordaron vetar esta iniciativa.

“Os gobernos do PP de Núñez Feijóo e o actual do substituto Rueda Valenzuela levan dende abril de 2009 incumprindo a Lei de Policía de Galicia de 2007”

Os gobernos do PP de Núñez Feijóo e o actual do substituto Rueda Valenzuela levan dende abril de 2009 incumprindo a Lei de Policía de Galicia de 2007, que creou o Corpo da nosa Policía Autonómica e dispuxo a inmediata incorporación ao mesmo dos fiuncionarios da Unidade da Policía Nacional adscrita. A parálise desta incorporación, ao longo de case 16 anos, ten prexudicado a carreira profesional de centos de funcionarios policiais. O mesmo ca a carreira profesional de todas as persoas funcionarias da Garda Civil de Tráfico na Galicia que gostarían de aproveitar a pasarela predeseñada no 2008 na Galicia e nidiamente definida no 2023 na Navarra para poder desenvolver unha función policial no seo dun Corpo civil e democrático, exento de estruturas, cargos, acenos, erros e costumes militares.

Velaí a falla de convicción democrática do PPdeG ao se aquelar a unha axenda centralista e militarista de Vox cando o que cumpriría é executar o mandato democrático de 2008 e 2021 do Parlamento deste País. Estruturando a Policía de Galicia dende un modelo de seguranza pública democrático, alicerzado na garantía dos dereitos humanos. que, ao tempo, fose quen de previr e curtar eses gromos de nova delincuencia no noso urbano, rururbano e rural dos que os altos cargos dos dous corpos policiais estatais semellan non se decatar.

Ou, no caso do tráfico e seguranza viaria, garantirmos un modelo de prevención dos accidentes e aprendizaxe do manexo seguro de toda caste de vehículos, semellante ao acadado xa polos Mossos e a Ertzaina (e verán como axiña pola Policía Foral navarra) contra o modelo centralista español que castiga Galicia coa meirande taxa de multas de todo o Estado e basea a xestión pública do tránsito na recadación.

 

Advogado. Colabora en varios medios galegos.