Cómpre perspectiva de xénero na xustiza.

Pasou o 25-N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e algunhas persoas (máis algúns que algunhas) semellan non se decatar que o problema número un na Galicia, no Estado e na Unión Europea contra os dereitos humanos e a seguridade pública é a violencia machista, sen que ningunha outra caste de violencia interpersoal ou intrafamiliar sexa comparábel. Velaquí uns dados rapidiños.

“No que vai do 2024 mataron 42 mulleres no Estado, 4 delas na Galicia”

No que vai do 2024 mataron 42 mulleres no Estado, 4 delas na Galicia (ollo!!, case un 10% cando non chegamos ao 5,5% da poboación do Estado). No 2022 presentáronse en todo o Estado 182.073 denuncias penais desta caste de delictos. Para os que falan de denuncias falsas (hai algunhas, de certo, mais ben poucas en comparanza coas denuncias que non se presentan): o 77,45% das sentenzas decididas no 2022 en todo o Estado foron condenatorias. Calquera persoa con sentidiño ficará ben preocupada despois de ler estes dados.

No 2022 adoptáronse máis de 32.000 ordes de protección de mulleres a respecto de homes no conxunto do Estado. Foron todas xustificadas? Non, certamente, e tamén existen dramas persoais detrás destas, mais o certo é que foron moitas máis as ordes de protección omitidas por falla de denuncia e algunhas destas situacións permitiron agresións moi graves, algunhas mesmo con resultas de mortes.

“No 2022 adoptáronse máis de 32.000 ordes de protección de mulleres a respecto de homes no conxunto do Estado”

Ten determinado a lexislación contra a violencia machista que tenta previr, pescudar e castigar estas condutas unha mutación do sistema xurídico-penal da Europa democrática? De xeito ningún. Tanto para a adopción de medidas de protección a medio de resolucións interlocutorias como para condenar en sentenzas as persoas que exercen a xurisdición aplican as normas xerais de defensa en réxime de igualdade entre partes e contradición. E, no que atinxe ás sentenzas, só poden condenar con total suxeición aos principios «na dúbida a prol do acusado (in dubio pro reo)» e de presunción de inocencia, consonte co que non hai culpábel sen sentenza condenatoria definitiva.

Algúns teñen advertido que a declaración da vítima dun delicto non pode alicerzar por si propio unha sentenza condenatoria. Mais no caso dos xuizos por actos de violencia machista aplícanse as mesmas normas xurídico-procesuais e xurídico-penais. O Tribunal Supremo estatal (TS) xa determinou no 2021 que unha declaración incriminatoria da vítima denunciante, como en calquera outro delicto, poderá alicerzar unha sentenza condenatoria se, ao tempo, son 1) persistentes no tempo, 2) existen algúns elementos, malia que só sexan colaterais e periféricos que a reforzan 3) non existen motivos nin probas que fagan pouco digna de creto a versión da vítima.

Investigarmos ou axuizarmos a violencia machista non require nin permite arrombar as garantías procesais propias da xustiza liberal-democrática. Mais si require dunha perspectiva de xénero que comeza integrar a cultura xurídica, xa, de non poucos operadores xurídicos, quer na maxistratura e/ou na fiscalía, quer na avogacía. Velaí o caso do maltrato machista habitual intrafamiliar.

O importante non son os concretos actos de violencia, senón “…ese clima de insostibilidade emocional na familia a medio do emprego dunha psicolóxica de dominación desenvolvida dende a violencia física, verbal e sexual…”, en aqueladas verbas do propio TS.

“Un outro 25-N, como os 8-M , os homes (…) haberíamos preguntarmos se non podemos facer máis”

Un outro 25-N, como os 8-M , os homes e, quizais nomeadamente, os homes que transitamos os anos da madureza, haberíamos preguntarmos se non podemos facer máis. Se non podemos ser eficazmente belixerantes contra as falsidades dos negacionistas da violencia machista que semellan estar a influír en non poucos mozos nestes últimos tempos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.