“Con 21M€, este orzamento é o segundo máis alto da historia de Ponteareas”

Juan Carlos González Carrera | Primeiro Tenente de Alcaldesa (ACiP)

É o concelleiro máis antigo dentro da Corporación Municipal de Ponteareas, á que ingresou en 1995. Juan Carlos Carrera González (Alternativa Cidadá de Ponteareas, ACiP) é Primeiro Tenente de Alcaldesa e Concelleiro de Mobilidade, Seguridade, Bombeiros e Protección Civíl, Vias e Obras e Cultura. Con el abordamos a actualidade do Concello e as expectativas para este 2025.

O Concello vén de aprobar un novo orzamento de 21M€ para 2025. Cales son as partidas que xestionará ACiP?
Esas partidas son Vías e Obras, infraestruturas xerais como saneamento, alumeado público, cultura, deportes e seguridade, incluíndo o departamento de bombeiros. É un orzamento histórico, o segundo máis alto da historia de Ponteareas; o primeiro foi co goberno bipartito BNG-PSdeG pero daquela xa levaba incluída a EDUSI. É un orzamento axustado e realista que suma os impostos municipais e o que ven do Estado pero ao que non se lle suman os investimentos anuais que veñen doutras Administracións. A política de recadación do Concello mellorou moito, respectando o que anualmente remite o ORAL por recadación.

A EDUSI xa rematou?
Sí, estamos pendentes de que saia outra no primeiro semestre deste ano.

E a que vai ir destinada?
Igual, á Axenda 2030 co tema das enerxías renovables e da mobilidade.

Que “proxectos estrela” están previstos para este ano?
Un proxecto moi importante é a humanización definitiva da contorna do Concello, que precisa dunha reforma integral. Albergará tanto a rúa Rogelio Groba como á lateral que chega á Praza Bugallal. Levará unha imaxe da Menina nunha praza diante do Concello.

“Levarase a cabo a humanización definitiva da contorna do Concello”

Ese proxecto xa estaba previsto no goberno anterior. Que cambios introducides vós?
A necesidade de espazos novos de lecer e convivencia para que o tráfico poda transcorrer dentro dunhas restricións. Vai ser unha zona peonil pero na que poda pasar o tráfico por un carril de acceso na rotonda detrás do Concello cara Reveriano Soutullo. No tempo que levamos de goberno queda demostrado que a veciñanza valora positivamente que permitamos que o tráfico pase por determinadas zonas que anteriormente estaban restrinxidas.

Desaparecen os muros do Concello?
Non, vanse manter porque o esixe Patrimonio a pesar de que tentamos presentar un proxecto que prevía retiralos.

Entón o cambio en que vai consistir?
Crearase unha zona de humanización onde están os xardíns, mantendo a porcentaxe de inclinación que esixe a normativa.

Entre as súas responsabilidades está a Protección Civil. Como está o tema da seguridade en Ponteareas?
Estamos moi por debaixo da media da provincia que é de 1 policía por cada 1.000 habitantes. No ano 2024 aumentamos en tres efectivos e este 2025 incorporaremos tres máis para poder cubrir as 24 horas con quendas de dous axentes e amplialo coa contratación de auxiliar de policía. É unha medida de reforzo principalmente naquelas épocas do ano onde temos mais visitantes. Coas tres incorporacións chegaremos a 19 axentes, cunha Xefa Oficial de Policía e outro Oficial que accedeu o pasado ano. O normal sería unha Xefa con tres Oficiais para coordinar as quendas de traballo.

Os veciños quéixanse de que a Policía ‘anda á caza’ das multas máis que para orientar á xente. Iso é por instrución do Concello?
Non. A Policía ten que ser próxima: dar información e facer cumprir as ordenanzas, que temos previsto actualizar. A policía xa non está ‘á caza’ das multas como facía antes. Temos pendentes a Oficial Xefa de Policía e máis eu mellorar varias cuestións, entre elas a recadación de multas. Somos un Concello onde o acceso de persoas das parroquias e da comarca é unha necesidade e iso provoca problemas de circulación e de tráfico. Os condutores temos tamén que ser máis responsables.

Nos últimos tempos houbo varias manifestacións no pobo, unha delas contra Artistea. Cre que esta iniciativa era algo tan necesaria ou, polo contrario, é unha especie de ‘globo’ propagandístico para que se note a diferenza co goberno anterior?
Calquera goberno que entra na Administración ten o dereito de pór en marcha os proxectos que considera que funcionen. Nese edificio ían unhas obras que estaban inicialmente previstas para o Centro Cívico. Decidimos cámbialo por unha Residencia de Artistas; somos un dos poucos Concellos galegos que a ten con actividade continua e diaria. Estamos facendo unha política de expansión cara afora.

“Somos un dos poucos Concellos galegos que ten unha Residencia de Artistas”

Co respecto ao Centro Cívico e o local para os colectivos estamos traballando para acondicionar a parte traseira do Auditorio Reveriano Soutullo onde existen unha serie de locais que van ser postos a disposición deses colectivos, especialmente do núcleo urbano. Estou convencido que non vai haber tanta demanda como din. Permítame dicir que a Oposición actual é moi dada a facer calquer tipo de concentración. E co respecto a esa manifestación contra Artistea, Vde. estivo aí e viu moi ben o que había.

Eu, persoalmente, levo anos preguntándome por que Ponteareas non dispuña dunha delegación da UNED como O Porriño e Tui onde se poden facer estudos universitarios. Porén vexo que é unha “academia” para dar conferencias e impartir cursos de galego que xa o fai a Xunta e ademais de balde.
O da delegación da UNED corresponde a unha necesidade que temos en Ponteareas e a Alcaldía está traballando nese sentido. Anteriormente tampouco tíñamos Escola para Adultos como existe hoxe no CEIP Feliciano Barrera. Co respecto á UNED precisamos estar á altura de Tui e do Porriño, que si teñen esas delegacións. Estou de acordo coa túa apreciación.

“Estamos traballando para acondicionar a parte traseira do Auditorio Reveriano Soutullo como sede do Centro Cívico”

Algúns deportistas non están de acordo coa nova infraestrutura para atletismo. Ides cumprir coas súas demandas?
É lexítimo que os deportistas pidan máis. Pero é a primeira vez na historia de Ponteareas que hai un goberno e un concelleiro que teñen claro o que se debe facer en canto ás instalacións deportivas. O primeiro que fixemos foi mirar en que estado estaban as existentes; que era de abandono e desleixo. Investimos unha cantidade económica importante dos Plans Provinciais para pór en condicións o Pavillón Deportivo e a piscina municipal. Queremos realizar unha obra histórica coa instalación do campo de herba sintética para o Club San Mateo; a entidade deportiva de fútbol feminino máis lonxeva en Galicia. Está por saír a licitación desta obra. Temos tamén un compromiso de instalar este ano a herba sintética no campo municipal de Santiago de Oliveira.

Co respecto ao atletismo, a través dos plans da Deputación estamos avanzando na instalación dunha pista en Ponteareas. Para poder presentar o proxecto á Deputación, tivemos que buscar o terreo e mercalo grazas ao financiamento de 300.000€ da Xunta. No PXOM só existía unha zona de 12.000 m2 que era insuficiente.
Un técnico especialista en pistas de atletismo, preparou o proxecto para 200 m que foi presentado en tempo récord. Faltan as xestións de rexistro.

Agora vén un club de atletismo a dicirnos que quere unha pista de 400m. Estou de acordo pero temos que ver se tecnicamente é posible. Tivemos unha entrevista co presidente da Federación Galega de Atletismo e con diversos técnicos e especialistas a nivel galego e estamos pendentes doutra xuntanza para afinar os correspondentes detalles técnicos. En Ourense hai unha pista de 200m que está saturada porque aí se realizan todos os campionatos a nivel galego. O presidente da Federación comentounos que se facemos en Ponteareas unha pista homologada de 200m nos remiten todos os campionatos galegos que se realizan entre outubro e marzo para aliviar o colapso da pista ourensá. Neste tema eu pediría que por favor se deixara a política aparte. Esta é unha cuestión de máximo interese para Ponteareas.

Ten pensado facer unha xuntanza dos técnicos e especialistas cos deportistas de Ponteareas?
Imos a facela nas vindeiras semanas e así lle informamos aos deportistas e clubs.

“A pista de atletismo é unha cuestión de máximo interese para Ponteareas”

Como vai o tema do Centro de Saúde?
Os terreos están comprados porque houbo que poñelos a disposición da Xunta, que xa sacou a redacción do proxecto. Fixemos un acondicionamento do terreo para permitir o aparcamento ante o colexio Ramiro Sabell para que os pais poidan deixar aos alumnos, unha problemática herdada do goberno anterior. Estamos tamén traballando na variante entre a N-120 e a rúa Trovador Xoán García de Guillade a través dun convenio coa Deputación para solucionar os problemas de tráfico e de acceso para os alumnos do IES de Barral que diariamente van pola N-120.

Está prevista algunha variante para a autovía?
Si. Está en estudo de impacto ambiental. A variante sae en Angoares, vén por San Mateo ata o Alto da Gloria e xira polo cemiterio. Tamén estamos traballando na Obra de Seguridade Viaria para a humanización das rotondas da N-120 entre Confurco e Ponteareas, un proxecto moi necesario pero que, polo de agora, o Estado ten paralizado.

O Corpus será Patrimonio Cultural Inmaterial por parte da UNESCO?
Agardamos este ano ter boas novas.

En que se fundamentan esas expectativas?
A documentación presentada está moi ben fundamentada, segundo nos din dende a UNESCO, e por tanto ten moitas posibilidades.

“Queremos realizar unha obra histórica coa instalación do campo de herba sintética para o Club San Mateo”

Hai outras efemérides históricas como a fundación de Ponteareas (1458) Por que non se explota como fan outros Concellos, o que implicaría traballo na confección de vestimenta, por exemplo, durante todo o ano?
Estamos tentando darlle unha volta porque temos documentación suficiente para facer unha festa, neste caso gastronómica, que poña en valor o Concello.

Como están promovendo o Camiño do Taberneiro?
A Deputación está explotando esta ruta e temos a sorte de que a Alcaldesa Nava Castro é tamén a deputada provincial de turismo e está facendo un traballo moi importante para a súa difusión, aproveitando o tirón que sempre ten o Camiño de Santiago. Presentouse o libro de información sobre este Camiño. A súa divulgación xa se levou a sesións plenarias polos Concellos por onde pasa (Salvaterra, Ponteareas, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén) para tentar homologalo e normalizalo. Tomando en conta os seus visitantes que teñen pasado polo Concello consideramos que é unha oportunidade de atractivo turístico, comercial e económico.

O Centro de Turismo irá no espazo adxunto ao aparcamento de Sarmiento Rivera?
Non, aí irá a ludoteca municipal. Estamos buscando o seu lugar máis idóneo pero estamos precisamente condicionados polos efectos do Camiño Taberneiro.

Hai veciños que se queixan da construción da Escola Infantil no parque de Ferro Ucha.
Eu comparto esa preocupación pero hai un plan urbanístico do goberno anterior que especifica que esa escola ten que ir aí. Non hai outro lugar. Non se pode cambiar porque hai uns fondos estatais específicos para este tipo de construcións e se perdían se non se sacaban as adxudicacións antes de finalizar o ano.

Que destacaría como os logros máis importantes nestes case dous anos de coalición PP-ACiP-IP?
Os logros máis importantes son a constitución da pista de atletismo; o enlace N-120; e a recuperación definitiva do espazo da Freixa. Iniciamos aquí o desbroce e limpeza do camping municipal cun investimento de 200.000€ da Deputación para o acondicionamento dos sendeiros afectados polas inundacións. Tamén destacaría a construción da Gardería Municipal e o Mercatea na antiga fábrica de Aceros de Tea, cun financiamento da Xunta superior aos 800.000€.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.