Tras quince edicións de O Pinchorriño e nun contexto determinado polo encarecemento dos insumos e dos prezos da enerxía, a hostalería porriñesa aposta por unha nova iniciativa gastronómica, “D-Gusta O Porriño”, a realizarse durante este mes de novembro. José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño (AHOSPOR), comentou as novidades que trae esta nova Ruta.
Tras O Pinchorriño, a hostalería porriñesa aposta agora por D-Gusta O Porriño. A que se debe este cambio?
Nas ultimas edicións estaba decaendo a participación hostaleira no Pinchorriño, tomando en conta o aumento dos prezos das materias primas, gas, luz, aceite, etc. Por tanto, á hostalería porriñesa facíaselle imposible garantir un picho decente similar ao das outras ediciósn e ademais gratuíto, tal e como pedía para participar neste evento a Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), que ten a marca rexistrada de O Pinchorriño.
Deste xeito se apuntaron poucos establecementos, co cal nos dimos conta que O Pinchorriño iba a menos. Así, dende AHOSPOR decidimos crear unha nova ruta de pinchos baixo o nome de “D-Gusta O Porriño”.
Que novidades ten esta nova iniciativa de pinchos?
En vez de baixar a calidade do pincho decidimos poñer un prezo simbólico de 1€ para mellorar a súa calidade e así tamén para contribuír a cubrir os gastos. Participarán 37 establecementos e se realizará tódolos venres e sábados do mes de novembro en horario de 19 a 23 horas.
Toda vez destinaremos parte da nosa recadación en premios, o primeiro de 500€ como premio maior e outro de 500€ en vales de 50€ para gastar en hostalería e comercio local.
Tedes apoio do Concello e doutras entidades?
Si, o Concello apoia a idea, comprometéronse a axudar coa cartelería e promoción do evento.
“Prevemos que un 15-20% do comercio local porriñés probablemente non aguantará este inverno”
Como está afrontando a crise AHOSPOR e a hostelería porriñesa?
Este outono ‘pinta negro’ tomando en conta a subida dos costes da luz, que son impresionantes, duplicando e triplicando o custe das facturas que supera xa incluso ao aluguer dos locais, tal e como nos comentan os nosos socios.
Coñecemos casos de cafeterías e restaurantes que teñen que pagar facturas de luz de 1.500€ ata 5.000€ e máis.
Engadido isto aos incrementos das materias primas augura un outono/inverno complicado, que pode provocar o peche dunha porcentaxe relevante cantidade de locais. Prevemos que un 15-20% do comercio local porriñés probablemente non aguantará este inverno.