Con motivo da toma de posesión de Lula da Silva da presidencia en Brasil o pasado 1º de xaneiro, a cantante Margareth Menezes (1962) converteuse na nova ministra de Cultura de Brasil. Unha figura relevante da música brasileira dende a década de 1980, “Marga”, como popularmente é coñecida, colaborou no seu momento coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! (PNO!) compoñendo a canción “Portugaliza”. Sobre este tema conversamos con Xerardo Feijóo, responsable de prensa de PNO!
Cal é a vosa avaliación sobre a designación da cantante Margareth Menezes como nova ministra de Cultura de Brasil? Que relación ten PNO! con ela?
Estamos encantados. Ela traballou connosco en 2010 participando no disco “Cores do Atlántico” con motivo do XV aniversario de PNO! Nese momento, ela compuxo a canción “Portugaliza” exclusivamente para nós como parte do noso libro e documental “Na Ponte”, que foi posteriormente distribuído de xeito gratuíto nas escolas.
Nós tiñamos un contacto previo con ela grazas á cantante Uxía así como en Brasil a través dos músicos Gilberto Gil (que tamén foi ministro de Cultura entre 2003 e 2008) e Xico Peres, entre outros. En 2010, “Marga” participou na illa de San Simón no concerto en directo para o disco “Cores do Atlántico”.
“Ela traballou connosco en 2010 participando no disco ‘Cores do Atlántico”
Coa súa designación como ministra, podemos agardar unha maior conexión cultural a nivel institucional entre Brasil, Galiza e o mundo lusófono?
Iso sería moi desexable. A nivel institucional sempre insistimos á Xunta de Galicia por unha maior conexión co mundo lusófono nos campos cultural, económico, etc. Queremos que esta relación se amplíe. Agardamos que agora, con “Marga” como ministra de Cultura, imos ter un contacto moito mais doado e fluído con Brasil.