A Cañiza | Na tarde deste 17 de marzo, nunha xuntanza cos veciños das Achas, celebrada no Centro Social Coto Sobreiro, Luís Piña e o deputado Provincial Gregorio Agís presentaron o proxecto das obras de recuperación do entorno da ponte das Achas. Nesta charla confirmouse que nestes momentos o proxecto xa está en fase de contratación e que unha vez se adxudique a obra mediante o procedemento aberto simplificado iniciaranse os traballos que teñen un prazo de finalización previsto de cinco meses.
Durante a intervención o deputado provincial recoñeceu o importante esforzo que supuxo desenvolver as fases do proxecto, pois eran necesarios diferentes permisos sectoriais entre eles os de Patrimonio da Xunta de Galicia, o que requiriu de diferentes modificados no proxecto para poder obter a súa valoración positiva. O deputado tamén destacou na súa intervención que esta actuación sigue a liña das actuacións da Deputación de Pontevedra de recuperar o espazo público priorizando ás persoas.
O alcalde Luís Piña aproveitou para agradecer o esforzo da Deputación Provincial por cumprir con esta reivindicación dos veciños das Achas e da Cañiza en xeral. Tamén recordou que durante este mandato consolídase ao fin unha reivindicación histórica, e agradeceu aos veciños que de forma gratuíta, e nun período de menos de 15 días grazas a un gran traballo dende o Concello. cederon os 22 terreos afectados necesarios para poder levar a cabo a senda peonil que inclúe este proxecto.
Despois das intervencións atenderon a todos os veciños e resolveron as dúbidas que puideran ter, amosándolles todos os detalles do proxecto que se levará a cabo.
As obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a ponte, conta cun orzamento de 411.000 euros, dos que a Deputación achega o 70% , 287.710,91 €, e o Concello o 30% restante, 123.304,67, en dúas anualidades.
O proxecto elaborado pola Deputación para o acondicionamento dos 560 metros entre os núcleos das Achas e a Ponte, prevé unha actuación integral para a mellora da seguridade viaria entre estes dous núcleos, recuperando ademais os valores patrimoniais da ponte das Achas, substituíndo o firme de asfalto actual por pavimento de lastra de granito e as actuais varandas metálicas por un peitoril de pedra de 110 centímetros de altura.
Ademais, no núcleo das Achas proxéctase unha zona de convivencia de tráfico rodado e peonil mediante unha plataforma elevada de formigón de cor gris escura, previo saneo do pavimento existente. O embelecemento da zona consistirá tamén na pavimentación con lastras graníticas dos sobreanchos da estrada. No contacto dos novos pavimentos coas vivendas disporase unha cenefa con lousas graníticas rectangulares. Ademais, enlazando coa plataforma elevada de preferencia peonil proxéctase unha senda ao longo da marxe dereita de 2,50 metros de ancho medio.
A obra tamén recolle o soterramento de todas as canalizacións eléctricas e de telefonía, colocaranse bancos de granito, terá nova sinalización horizontal e vertical e unha rede de iluminación máis sustentable mediante luminarias LED. Tamén se ampliará a zona verde na intersección.