A Coruña | O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, abrirá esta próxima semana a convocatoria de axudas destinadas a financiar a rehabilitación ou reforma de inmobles na Cidade Vella, Pescaría, Labañou e O Ventorrillo. Estas zonas están incluídas en Áreas de Rexeneración e Renovación Urbanas (ARRU).
O importe total das axudas será de 1.338.350 euros. Como novidades, nas axudas de Labañou e O Ventorrillo primaranse as melloras dos edificios cun maior número de vivendas e habitantes, mentres que nas da Cidade Vella daráselles prioridade ás reformas en inmobles catalogados. Do orzamento total, 529.612 euros irán destinados ao Ventorrillo, 571.290 euros a Labañou (grupo de vivendas María Pita) e 237.447 euros para Pescaría e Cidade Vella.
O Goberno local de Inés Rey incrementará o importe subvencionable por unidade familiar, que anteriormente era dun máximo de 12.000 euros. A partir de agora haberá un límite de 22.000 euros, que podería chegar ata os 30.000 euros, segundo o caso.
Unha vez publicada no BOP a apertura da convocatoria, as persoas interesadas terán dous meses de prazo para presentar as solicitudes. Tamén se poderán requirir anticipos de ata o 50% do importe concedido.
O concelleiro Juan Díaz Villoslada e o seu equipo reuníronse este venres con persoas interesadas en solicitar estas axudas da zona da Cidade Vella para asesoralas sobre o procedemento e os requisitos. Esta próxima semana haberá novos encontros coa veciñanza do Ventorrillo (o mércores ás 17.00 horas no Centro Ágora) e de Labañou (o xoves ás 11.00 horas no centro cívico).
Sae á venda o Calendario Municipal do 2022
O Concello anuncia a saída á venda este sábado o seu tradicional Calendario Municipal, que conta coas imaxes gañadoras do concurso de fotografía que convocou o Goberno local, como é habitual. O almanaque estará dispoñible en librarías e quioscos a un prezo de 1,30 euros.
Consta de trece imaxes, unha de portada e doce para cada mes do ano. Entre as imaxes destacan estampas de lugares singulares e moi recoñecibles da cidade. A Mariña, Azcárraga ou María Pita están presentes entre as fotografías. Mantense, polo tanto, o estilo clásico dun almanaque moi consolidado entre as coruñesas e os coruñeses. Esta publicación anual conta cunha grande aceptación e é tamén un agasallo habitual para aquelas persoas que viven lonxe da cidade.
O concurso fotográfico estivo dirixido a toda a cidadanía. Afeccionadas/os á fotografía presentaron imaxes representativas da Coruña, que foron valoradas por un xurado formado pola alcaldesa, unha persoa representante de cada partido con representación en María Pita e os xefes de fotografía dos principais medios da cidade. Ademais das fotografías actuais, cada mes conta cunha imaxe clásica, como tamén é habitual. As fotos antigas pertencen ao Arquivo do Reino de Galicia. A maioría corresponden aos primeiros anos do século XX.